BNG urxe reabrir o CAISS de Betanzos e dotalo de máis persoal
Néstor Rego reclama ao Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións que cubra as prazas vacantes do centro para prestar á veciñanza da comarca un servizo de calidade e que non se vexa obrigados a desprazarse até Ferrol ou Coruña
A frente nacionalista exixe a rectificación do Goberno ante a pretensión de desmantelar esta oficina que ofrece un servizo fundamental e básico, após recibir a resposta do executiva a preguntas rexistradas polo BNG
Madrid, 25 de novembro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o desmantelamento do Centro de Atención e Información da Seguranza Social (CAISS) de Betanzos ao negarse, o Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, a contratar máis persoal que cubra as baixas do persoal funcionario. A frente nacionalista reclama a rectificación do Ministerio e reabra o centro de Betanzos que presta servizo a cidadanía de toda a comarca, evitando que se teñan que desprazar a Ferrol ou A Coruña.
O pasado mes de agosto o Centro de Atención e Información de Seguranza Social (CAISS) de Betanzos deixaba de prestar servizo á veciñanza da comarca por carecer de persoal. O CAISS ten unha dotación de tres prazas de funcionario mais, na actualidade, o posto de Director e un traballador do posto de informador xestor atópanse de baixa e o terceiro posto está sen cubrir.
Ante o fechamento desta oficina, a frente nacionalista rexistrou iniciativas no Congreso para coñecer a intención do Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións e solucionar esta situación de maneira inmediata para que a veciñanza de Betanzos poida seguir gozando deste servizo.
Con todo, a resposta do Goberno foi unha negativa a cubrir as prazas de persoal, tanto da praza vacante como a do persoal que está de baixa. “Isto supón o desmantelamento dun servizo esencial para a cidadanía. Resulta incomprensíbel que se peche ao público unhas oficinas que ofrecen un servizo supracomarcal pola súa excesiva carga de traballo. Isto obriga ás persoas usuarias a desprazarse a outros centros situados a unha enorme distancia, pois os máis próximos atópanse na Coruña, Ferrol ou Melide” recrimina Rego.
Para a candidata á alcaldía do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, a decisión do Ministerio “non pode entenderse” posto que “existe unha carga de traballo elevada e o servizo da cobertura a un territorio extenso”. Sánchez entende necesario realizar todas as actuacións que sexan precisas para cubrir a totalidade das prazas vacantes e “garantir, así como axilizar, a cobertura que esta oficina prestaba á veciñanza de Betanzos”.
“Non pode tolerarse que se continúe co desmantelamento dos servizos presenciais da Seguranza Social e reclamamos ao Ministerio que rectifique esta decisión e contrate ao persoal necesario que permita reabrir, canto antes, esta oficina en Betanzos” apunta o deputado.
Para a organización nacionalista, resulta imprescindíbel cubrir as prazas vacantes definitivamente e, mesmo, aumentar o número de persoal destinado ao CAISS de Betanzos para asegurar un servizo de calidade. “Debe seguir atendéndose as consultas presenciais dos veciños e veciñas de Betanzos e de todos os concellos da súa comarca e zonas limítrofes que, na actualidade, vénse obrigados a desprazarse até Ferrol ou Coruña” sinala Rego.