O BNG pide no Pleno que o PSOE actúe para reabrir ao público a oficina da Seguridade Social de Betanzos
O peche ao público da oficina de información da Seguridade Social de Betanzos afonda no problema da perda de servizos do Concello de Betanzos e obriga aos veciños da comarca a trasladarse á Coruña para calquera trámite.
Betanzos, 8 de novembro de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de coñecer os trámites e as xestións que o goberno local levou a cabo para reabrir ao público a oficina de atención e información da Seguridade Social en Betanzos.
Segundo a voceira local do BNG, Amelia Sánchez, “as persoas usuarias do Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Betanzos amosaron as súas queixas pola non prestación do servizo de atención ao público das oficinas do antigo ambulatorio e esixen a súa reapertura ao público xeral”.
En palabras das nacionalistas, este peche afonda no problema de perda de servizos de atención á veciñanza de Betanzos e da totalidade da comarca das Mariñas, un problema que se acrecentou coa escusa da pandemia da Covid 19 e coa implantación dos servizos de atención telemática -que nunca deberían eliminar ou substituír a opción da atención presencial- e que obrigan á veciñanza a trasladarse continuamente á cidade da Coruña para solucionar calquera trámite.
Sánchez incide en que o goberno do PSOE debe garantir a prestación do servizo de atención presencial da Seguridade Social de Betanzos e reverter a actual situación canto antes.