O BNG celebrará o día 27 a partir das 20:30 h. a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo
“A figura de Antolín Faraldo continúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combateu na década de 1840 e totalmente descoñecida para a maioría das nosas veciñas e veciños”
“A figura de Antolín Faraldo contiúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combateu na década de 1840 e totalmente descoñecida para a maioría das nosas veciñas e veciños”
Betanzos, 24 de agosto de 2016. O BNG celebrará este sábado día 27 a partir das 20:30 h. a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, no paseo que leva o seu nome no barrio da Ribeira. A actriz Isabel Risco será a encargada de conducir o acto, que contará coa intervención do portavoz do BNG no Concello de Betanzos, Henrique del Río, e a portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón. Ademais o acto contará coa actuación musical do dúo local Adeshra, que interpretará versións contemporáneas das danzas gremiais medievais, ofrenda floral e exposición sobre a figura de Faraldo.
“No ano 2004 o Pleno do Concello acordou tributar unha homenaxe pública e posta en valor da figura de Faraldo” recordan os nacionalistas. “Nin o goberno do PSOE nin antes o do PP cumpriron con este acordo e mesmo tivo que ser o BNG quen colocase unha placa no monumento indicando que fixera Faraldo para merecer honras públicas”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río. “A figura de Antolín Faraldo continúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combateu na década de 1840 e totalmente descoñecida para a maioría das nosas veciñas e veciños”, apuntou.
Desde o BNG reclamarán de novo con este acto o cumprimento do acordo plenario e que o Concello faga actividades de difusión sobre a figura e biografía deste ilustre betanceiro así como que se poña o seu retrato na sala capitular do Concello “como leva aprobado máis de 12 anos sen que os sucesivos gobernos locais tiveran intención ningunha de cumprilo”, indicou Del Río.