Del Rio: “nin o PSOE nin o PP, tiveron nunca a máis mínima intención de dar a coñecer a figura e o pensamento de Antolín Faraldo”

homenaxefaraldo2011
Un momento do acto

O BNG esixe na conmemoración da Galiza Martir “ que se lle retiren as honras aos franquistas para renderllas aos verdadeiros fillos senlleiros desta cidade”.

Del Rio: “nin o PSOE nin o PP, tiveron nunca a máis mínima intención de dar a coñecer a figura e o pensamento de Antolín Faraldo”

O BNG esixe na conmemoración da Galiza Martir “ que se lle retiren as honras aos franquistas para renderllas aos verdadeiros fillos senlleiros desta cidade”.

Betanzos, 17 de agosto de 2011. Parafraseando a Murguía, o voceiro do BNG en Betanzos afirmou que Antolín Faraldo continúa “na indiferenza e o esquecemento dos seus”. Henrique del Río fixo esta aseveración durante o acto de homenaxe ao intelectual provincialista organizado polo BNG con motivo do Día da Galiza Mártir. Del Río referiuse á actualidade do discurso que en 1846 defendía Antolín Faraldo, que “segue a denunciar as posturas centralistas e sucursalistas que PSOE e PP defenden e encarnan”. Por este motivo, asegurou, “nin Manuel Lagares, nin María Faraldo nin Ramón García, nin o PSOE nin o PP, tiveron nunca a máis mínima intención de dar a coñecer a figura e o pensamento de Antolín Faraldo” a pesar do acordo adoptado pola Corporación en 2004.

Aquel acordo incluía trocar a placa do monumento por outra que explicase quen foi Faraldo, algo que de forma simbólica fixo esta tarde o BNG, e colocar o retrato de Antolín Faraldo na Sala Capitular. Del Río lembrou que antes de aprobarse a Lei de Memoria Histórica o Pleno acordara, a iniciativa do BNG, retirar as honras públicas aos persoeiros franquistas. Este acordo, como denunciou o voceiro do BNG “nin Manuel Lagares, nin María Faraldo nin Ramón García, nin o PSOE nin o PP, tiveron nunca a máis mínima intención de cumprir” e “retirarlle as honras públicas aos acólitos do réxime fascista para renderllas aos verdadeiros fillos senlleiros desta cidade” entre os que sitúan a Antolín Faraldo.

Del Río lembrou ao paseado alcalde Xosé Novo, ao Lorca que “borrou o PP do panel turístico do Azougue" e a Alexandre Bóveda, no día en que se cumpren 75 anos do seu asasinato polos franquistas. “A Bóveda, como a Antolín Faraldo, tampouco queren recoñecelo e coñecelo o PSOE e o PP porque o seu pensamento segue a poñelos en evidencia a pesares da súa morte” indicou o voceiro do BNG lembrando a participación do Secretario de Organización do Partido Galeguista na fundación das caixas de aforro galegas. Tamén tivo tempo para lembrar o 125 aniversario do nacemento de Castelao e do 1600 aniversario da proclamación do Reino de Galiza, dúas efemérides esquecidas pola Xunta do PP.

Tras a intervención do voceiro do BNG tivo lugar unha ofrenda floral e a interpretación do Himno Galego. Antes, un recital de poesía a cargo de Marica Campo, e unha lectura de textos de Castelao e Antolín Faraldo. Unha actuación de música tradicional galega puxo fin a esta homenaxe coa que se pretende por en valor a figura de Antolín Faraldo.

Del Rio: “nin o PSOE nin o PP, tiveron nunca a máis mínima intención de dar a coñecer a figura e o pensamento de Antolín Faraldo”