O BNG demandou no Pleno a sinalización de camiños seguros escolares
Desde o BNG advirten que, ademais de mellorar as marcas pintadas na primavera de 2019 polo executivo local, “cómpre acondicionar realmente o trazado para que sexa un camiño seguro escolar”
Betanzos, 15 de outubro de 2021.- O BNG demandou no Pleno a sinalización de camiños seguros escolares. “Os escolares e as súas familias puideron ser conscientes do deterioro das marcas de parrulo que o Concello pintou no seu día a xeito de camiño escolar seguro” advertiu Amelia Sánchez no Pleno.
A portavoz municipal do BNG advertiu, ademais, que “neste curso, ademais, os desprazamentos a pé víronse incrementados pola redución de prazas de autobús ao alumnado do centro da cidade, logo da reconversión das liñas de transporte escolar levada a cabo pola Xunta de Galiza”. Por este motivo, as nacionalistas consideran “urxente” reacondicionar este camiño seguro escolar para que sexa realmente unha garantía para escolares e familias.
Por este motivo, desde o BNG demandan ao executivo local prazos concretos para levar o trazado do camiño seguro escolar cando menos até os barrios onde hai unha maior poboación en idade escolar. “Son todo rúas de titularidade municipal, non hai máis motivo de demora que a falta de vontade porque o resto é unha sinxela obra para calmar o tránsito e pintar os sinais nas beirarrúas”, explica a portavoz municipal do BNG.
Sinalización desde os barrios
Desde o BNG advirten que, ademais de mellorar as marcas pintadas na primavera de 2019 polo executivo local, “cómpre acondicionar realmente o trazado para que sexa un camiño seguro escolar”. A intervención realizada polo goberno local vai da Feira Nova ata o propio centro escolar, apenas 800 metros. “Queda sen sinalizar o trazado que os escolares teñen que facer desde os seus domicilios até aí, que ao parecer non está previsto xa que o goberno local só fala de levalo até o Campo”, explica Amelia Sánchez. “E delimitar rutas para os escolares procedentes da Ponte Vella ou A Ribeira, que non teñen que ir ao Campo nin baixar pola Feira Nova”, abunda.