O BNG coloca unha nova placa no monumento de Antolín Faraldo
A placa descubrirase mañá nun acto que comeza ás 20:00 h e que rematará cun concerto do cantautor OLeo i Arremecághona.
Betanzos, 22 de agosto de 2013. O BNG celebrará mañá a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, ao pé do monumento dedicado ao escritor e intelectual en Betanzos. No transcurso do acto os nacionalistas descubrirán unha placa conmemorativa que trata de resumir a vida e obra polas que o intelectual provincialista merece o recoñecemento público.
En 2004 o Pleno do Concello acordou tributar unha homenaxe pública e posta en
valor da figura de Faraldo que incluíse o cambio da praca do seu monumento por outra que explique quen foi e a colocación do seu retrato na galería de honra da Sala Capitular do Concello, recordan os nacionalistas. Nin o goberno do PSOE nin antes o do PP quixeron acabar coa estupidez dunha placa que tan só di que Faraldo naceu e morreu, como calquera outra persoa, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río. A figura de Antolín Faraldo continúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combatiu na década de 1840, apuntou.
Por este motivo, o BNG asumiu o custe e a colocación dunha nova placa que explique a veciños e visitantes quen foi Antolín Faraldo. O historiador Xesús Torres asumiu encantado a tarefa de condensar en apenas tres liñas a vida e obra de Faraldo, explica o voceiro nacionalista. É un pequeno xesto de desagravio, mais Betanzos continúa a ter unha enorme débeda pendente coa figura de Antolín, indica o edil do BNG.
Así, cando remate a homenaxe que os nacionalistas tributan cada ano a este senlleiro conveciño, cantas persoas visiten o seu monumento poderán coñecer que
Antolín Faraldo foi xornalista e escritor e un dos primeiros pensadores do que logo deviu en ser o nacionalismo galego. Secretario da Xunta Superior de Goberno de Galiza no alzamento de 1846 que rematou co sacrificio dos Mártires de Carral, recorda a placa.
A homenaxe comezará ás 20:00 h ao pé do busto de bronce de Faraldo cunha lectura, a cargo do propio público, de diversos pasaxes da súa propia obra, así como de Castelao. A cita, logo do descubrimento da placa e o canto do Himno Galego, terá por peche un concerto do cantautor OLeo i Arremecághona.