O BNG pide á Xunta que tome medidas urxentes para garantir a conservación da Fábrica da Luz
O BNG trasladou ao Parlamento a situación da fábrica da Luz “que se atopa en grave risco de colapso, a pesar das múltiples iniciativas presentadas no concello nos últimos anos”
Betanzos, 9 de abril de 2022.- O BNG trasladou ao Parlamento a situación da fábrica da Luz “que se atopa en grave risco de colapso, a pesar das múltiples iniciativas presentadas no concello nos últimos anos”, explicou a deputada nacionalista, Mercedes Queixas.
“Ao longo das décadas, o grupo municipal do BNG de Betanzos veu presentando diferentes iniciativas plenarias que tiñan un único obxectivo: recoñecer a singularidade do edificio, conservar a totalidade de elementos que o conforman e promover a súa rehabilitación para a súa posta en servizo á veciñanza. Estas iniciativas, culminaron coa catalogación do edificio en decembro de 2018”, indicou Queixas.
“Ante a situación de risco de perda deste importante patrimonio industrial, xa naquela altura a Xunta demandaba medidas urxentes para evitar o progresivo e preocupante deterioro, indicando como prioridades a consolidación da cuberta e dos peches para deseguido elaborar un proxecto integral de conservación”, explicou a deputada do BNG.
“Porén, transcorridos xa catro anos, esta catalogación non puxo fin á decadencia do monumento cuxo abandono non deixou de medrar. A empresa continúa sen levar a cabo as medidas necesarias para a recuperación e está a levar a cabo unhas obras que poñen en serio perigo a estabilidade do inmóbel, ante a pasividade das autoridades locais”, indicou.
“Por iso esiximos á Xunta a facer cumprir os mecanismos de protección e conservación da Fábrica da Luz de Betanzos para dar cumprimento á resolución da súa inclusión, por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, no Catálogo do patrimonio cultural de Galiza en 2017, ante o agravamento do mal estado de conservación e severo risco de desaparición”, concluíu Queixas.
A fabrica da luz instalábase na Ponte Nova a comezos dos anos 1900 sendo a primeira edificación destinada á xeración de enerxía eléctrica en Betanzos. O edificio foi proxectado polos arquitectos López Cortón e González Villar e nos seus comezos albergaba oficinas, almacéns e, mesmo, un embarcadoiro.
Na actualidade, este ben está composto de catro edificacións independentes asentadas sobre a mesma parcela: a fábrica de electricidade propiamente dita, o serradoiro, un pequeno edificio e un depósito que se atopan nun estado de conservación certamente lamentábel e que pertencen á empresa eléctrica Naturgy.