O BNG demandou no Pleno a adopción inmediata de medidas para evitar o colapso definitivo da Fábrica da Luz da Ponte Nova
Amelia Sánchez demandou ao goberno do PSOE que valore a expropiación ou a permuta con outros solares de titularidade municipal para evitar a súa desaparición
As nacionalistas manifestan a súa preocupación logo de que a principios deste mes se fixera público que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza retirou a protección ás estruturas auxiliares da Fábrica da Luz e pediu ao goberno local información sobre as actuacións que pensa levar a cabo
Betanzos, 10 de xuño de 2021.- O BNG demandou no Pleno a adopción inmediata de medidas para evitar o colapso definitivo da Fábrica da Luz da Ponte Nova. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, demandou un cronograma completo de actuacións para tratar de atallar a desaparición definitiva do edificio catalogado logo de que “en novembro do pasado ano o goberno local fixo público que concedía dous meses á empresa propietaria, Naturgy, para realizar obras de consolidación sen que se fixeran obras de ningún tipo”.
As nacionalistas manifestan a súa preocupación logo de que “a principios deste mes se fixera público que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza retirou a protección ás estruturas auxiliares da Fábrica da Luz – o serradoiro, o almacén, o embarcadoiro, o pilar e o muro”. Esta descatalogación pregándose aos intereses da multinacional eléctrica dáse, advirten desde o BNG, “malia compor un conxunto coa Fábrica da Luz desde a súa construción”.
“Onte informouse de que a Xunta de Galiza pensa acatar esta sentenza, e polo tanto acceder a descatalogar os edificios auxiliares da fábrica da Luz, o que non fixo público e que medidas pensa tomar para asegurarse cando menos da pervivencia do edificio principal que está nunha situación de total abandono”, engadiu a portavoz do BNG.
Dada pasividade do executivo local neste asunto pregándose aos intereses da empresa, a portavoz municipal do BNG volveu poñer sobre da mesa a expropiación do solar para garantir a conservación dun conxunto industrial único no país.
Neste sentido, Amelia Sánchez demandou ao goberno do PSOE que valore “a expropiación ou a permuta con outros solares de titularidade municipal para evitar a súa desaparición, como ten proposto o BNG”. As nacionalistas defenden desde hai décadas que o inmoble pase ao patrimonio público para poñer en valor a súa propia historia e arquitectura e ofreza usos socioculturais á veciñanza do barrio da Madalena.
Barral non informa á oposición da descatalogación nin das resolucións xudiciais
A voceira do BNG explicou, ademais, que “o goberno local non nos trasladou información aos grupos políticos desta sentenza nin de que liñas de actuación baralla ou de como pensa actuar para protexer e poñer en valor este ben patrimonial”. Neste sentido, demanda a María Barral que aclare se ten pensado recorrer a sentenza do TSXG que deixa sen protección parte deste conxunto industrial único en Galiza ou se, pola contra, pretende como xa anunciou a Xunta de Galiza acatar a sentenza e acceder a descatalogar estes edificios.