O BNG volve solicitar o coidado dos parques da zona nova do Pasatempo
O BNG trasladou na última sesión plenaria as queixas da veciñanza polo mal estado e pola falta de mantemento da área de exercicio de persoas maiores
Na mesma liña, no BNG insistiron en que aínda non se acometeu a cubrición do parque infantil do Pasatempo que o goberno local prometeu no 2018
Betanzos, 7 de abril de 2022.- O BNG trasladou na última sesión plenaria as queixas da veciñanza polo mal estado e pola falta de mantemento da área de exercicio de persoas maiores na zona nova do parque do Pasatempo.
Segundo informou a súa voceira no Concello, Amelia Sánchez, “unha vez máis, a veciñanza fíxonos partícipes do mal estado dalgunha das zonas do noso concello. Neste caso, recibimos queixas polo estado de deterioro en que se atopa a área de exercicios para persoas idosas do parque do Pasatempo, onde non se están a realizar os oportunos labores de mantemento”.
Desde o BNG informan do reiterado desleixo que se apreza nos labores de mantemento dos parques e das rúas de Betanzos. Neste caso en concreto, “cómpre adecuar as pezas para que os nosos maiores poidan desfrutar destes aparellos”, engadiu Sánchez.
Parque infantil sen cubrir, 4 anos máis tarde
Na mesma liña, no BNG insistiron en que aínda non se acometeu a cubrición do parque infantil do Pasatempo. “As familias que utilizan o parque infantil lembráronnos a promesa de cubrir a zona de xogos que tantas veces se publicou na prensa escrita e que nunca se materializou”, afirmou Sánchez, lembrando que esta promesa do goberno local se remonta ao ano 2018.