"NÓS TEMOS CLARO QUE A FÁBRICA DA LUZ É UN LUGAR INMELLORÁBEL PARA ACOLLER ACTIVIDADES CULTURAIS, VECIÑAIS E POÑER EN VALOR A HISTORIA E O QUE SUPUXO A FÁBRICA DA LUZ PARA BETANZOS"
Urximos a tomar medidas para garantir a conservación da fábrica da luz tras anular a Xustiza a multa a Naturgy
“O Concello ten que actuar xa, levamos décadas perdidas nas que se podía ter actuado para declarar ben de interese cultural (BIC) a fábrica da luz, evitar o estado de ruína ao que chegou e garantir a súa posta en valor”.
“O Concello ten que actuar xa, levamos décadas perdidas nas que se podía ter actuado para declarar ben de interese cultural (BIC) a fábrica da luz, evitar o estado de ruína ao que chegou e garantir a súa posta en valor”.
"Nós temos claro que a Fábrica da Luz é un lugar inmellorábel para acoller actividades culturais, veciñais e poñer en valor a historia e o que supuxo a Fábrica da Luz para Betanzos"
Betanzos, 2 de febreiro de 2020. O BNG urxiu ao goberno local que adopte medidas para garantir a conservación da fábrica da luz tras anular a Xustiza a multa coercitiva que o executivo impuxera a Naturgy. “O Concello ten que actuar xa, levamos décadas perdidas nas que se podía ter actuado para declarar ben de interese cultural (BIC) a fábrica da luz, evitar o estado de ruína ao que chegou e garantir a súa posta en valor”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
“O PSOE leva gobernando 40 anos Betanzos, como o PP na Xunta, e nunca fixeron nada, xa non pola fábrica da luz, senon por manter o noso patrimonio histórico, que é o que fai diferente e única unha cidade como Betanzos e a oportunidade de desenvolvemento social e económico que este concello ten”, remarca Del Río.
“Neste asunto en concreto o PSOE pasou de negarse a catalogar o edificio a, cando por fin se logra a declaración como monumento industrial da fábrica da luz, xogar a deixar correr o tempo sen forzar a Naturgy a garantir a súa conservación”, relata Del Río. “A división inmobiliaria de Naturgy está decidida a botar abaixo este edificio que é patrimonio de todas as betanceiras, e sinceramente cremos que ten que ser algo que non lle pode saír gratis a Naturgy”, abundan as nacionalistas.
O nacionalista recorda que “aínda no documento de avance do novo Plan Xeral o PSOE teima en non incluír a fábrica da luz no catálogo, como se a súa protección xurídica non existira a día de hoxe”, engade.
As nacionalistas salientan que “Xunta e Concello teñen xuristas para estudar as vías legais para garantir a conservación deste monumento”. “É unha cuestión de vontade política, non se pode consentir que unha empresa como Naturgy deixe caer o noso patrimonio impunemente”, abundan. “Naturgy será propietario da parcela e o edificio, pero non se pode perder de vista que hoxe por hoxe a fábrica da luz xa é patrimonio cultural de todas as galegas”, explica Del Río.
Adquirir, rehabilitar, musealizar e acoller equipamentos socioculturais, a proposta do BNG
Neste sentido, Del Río recorda que "cada día que pasa sen adoptarse decisións de calado, estase permitindo que se bote un pouco abaixo a Fábrica da Luz". As nacionalistas demandan ao goberno local que “adopte todas as medidas necesarias para evitar que perdamos para sempre este edificio do patrimonio de toda a cidade”. Desde o BNG lembran que "temos instado mesmo a adquirir a finca por calquera das modalidades previstas no ordenamento".
"Nós temos claro que a Fábrica da Luz é un lugar inmellorábel para acoller actividades culturais, veciñais e poñer en valor a historia e o que supuxo a Fábrica da Luz para Betanzos", engade. "E agotaremos todas as posibilidades para que o edificio pase a propiedade pública para facer isto realidade", conclúen.