O BNG defendeu a cesión gratuíta do edificio sindical ao concello
“Hai outros casos onde se produciu a cesión gratuíta de edificios do Estado que deixaran de ter o uso para o que foran construídos, como a Casa do Mar de Cervo, entre outros, e non entendemos cal é o impedimento para que se faga o mesmo co edificio sindical de Betanzos que leva anos pechado e nun estado de conservación lamentábel”
Betanzos, 12 de abril de 2022.- O BNG defendeu a cesión gratuíta do edificio sindical ao concello. “O concello debe insistir na cesión gratuíta dun local que foi construído en terreos que as betanceiras cederon para o seu uso público de maneira gratuíta na década dos 50”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “Non entendemos que o Ministerio pretenda cobrarlle ao concello pola cesión dun edificio que está pechado e sen uso desde hai anos, máis cando ese edificio foi construído en terreos que eran municipais”, engadiu Sánchez.
“En resposta a unha iniciativa do deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, o Estado pechaba a porta á cesión gratuíta do inmóbel”, indicou a portavoz do BNG. “Segundo a última información do goberno local o Ministerio puxo prezo ao edificio que sería 284 mil euros a pagar en 10 anos. Desde o BNG non entendemos que teñamos que pagar pola cesión de algo que xa era propiedade municipal e que se cedeu gratuitamente para un uso sindical que hai anos que xa non existe.
“Hai outros casos onde se produciu a cesión gratuíta de edificios do Estado que deixaran de ter o uso para o que foran construídos, como a Casa do Mar de Cervo, entre outros, e non entendemos cal é o impedimento para que se faga o mesmo co edificio sindical de Betanzos que leva anos pechado e nun estado de conservación lamentábel”, concluíu a portavoz do BNG.
Por outro lado, no BNG insistiron en que cómpre tomar medidas para garantir a conservación e a seguridade para a veciñanza deste edificio, que se encontra nunha situación preocupante, mentres non se produce a cesión a titularidade municipal
Pregunta sobre a situación da negociación no Pleno
O BNG lembrou que preguntou no Pleno pola situación da negociación co Ministerio despois da resposta que o Estado deu a iniciativa presentada no Congreso por Néstor Rego. “A única información que tiñamos era a través das múltiples notas de prensa, en moitos casos contraditorias, sobre a situación da negociación para a cesión deste edificio até que despois da pregunta en Pleno o goberno local manifestou a súa intención de asinar a compra do mesmo”, explicou a portavoz do BNG.