O BNG pediu que a Xunta remate, canto antes, o plan director para a recuperación do parque do Pasatempo
Ademais desde o BNG “piden ao goberno galego que achegue medios económicos para cumprir coas obrigas propias da Xunta nun ben catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e que reverta o seu dramático estado de deterioro e poida ser visitado polo público”.
Betanzos, 14 de marzo de 2023.- O BNG pediu no Parlamento que a Xunta remate, canto antes, o plan director para a recuperación do parque do Pasatempo. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, presentou esta iniciativa coa portavoz do BNG de Betanzos e candidata á alcaldía, Amelia Sánchez e outros militantes e simpatizantes do BNG. “Instamos á Xunta a rematar canto antes este plan director para a recuperación do Pasatempo, que leva máis de 5 anos pechado polo risco de derrubo”, explicou Queixas.
Ademais desde o BNG “piden ao goberno galego que achegue medios económicos para cumprir coas obrigas propias da Xunta nun ben catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e que reverta o seu dramático estado de deterioro e poida ser visitado polo público”.
“Hai meses que se aprobou no Pleno municipal unha cesión temporal á Xunta para que poida encargarse da rehabilitación, mais no orzamento da Xunta non hai unha cantidade concreta reservada para esta actuación”, explicou a candidata do BNG á alcaldía Amelia Sánchez.
“Polo de agora o único investimento que se está a executar no Parque son os 525 mil euros da primeira fase da consolidación do parque, achegados pola área de patrimonio da Deputación da Coruña que goberna o BNG”, engadiu Sánchez. “Está en redacción o plan reitor, contratado pola Xunta, segundo se anunciou nunha presentación pública en Betanzos no pasado mes de agosto no que se presentaron as liñas de traballo, pero non o plan en si que está sen rematar”, indicou.
Múltiples iniciativas reclamando a rehabilitación do Pasatempo
O BNG lembrou que leva desde o 2018 presentando múltiples iniciativas, tanto na Xunta como no concello, pedindo que se concreten os prazos e un cronograma para actuar no Pasatempo que continua pechado polo risco para a seguridade. “A catalogación como BIC implica o deber de conservar, manter e custodiar debidamente este ben para evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Por iso, insistimos na urxencia de que a Xunta actúe e aposte decididamente por conservar este parque herdanza dos Irmás García Naveira”, concluíu.
“A partir do mes de maio, co BNG no goberno reservaremos unha partida nos orzamentos municipais para a rehabilitación e posta en valor do Pasatempo e abriremos un centro de interpretación para divulgar a súa importancia como primeiro parque temático de Europa”, engadiu a candidata do BNG á alcaldía.