O BNG pediu nas súas propostas para o POS+ investir nun centro de interpretación do Pasatempo
A proposta do BNG é recuperar dous edificios baleiros e sen uso actual- os baixos do graderío do auditorio e o que fora aula da natureza- para musealizar restos que actualmente están fóra de contexto e interpretar o Pasatempo e a súa época
Betanzos, 27 de novembro de 2020. O BNG presentou as súas propostas para o POS+ 2020, o Plan Único de Obras e Servizos da Deputación. As nacionalistas propoñen, como veñen facendo nos últimos anos, reacondicionar o baixo da grada do auditorio do Pasatempo como un centro de interpretación do parque enciclopédico.
“O Pasatempo non ten nada que explique a veciñanza e visitantes a súa orixe e vicisitudes ao longo dos seus máis de cen anos de vida, e no anteproxecto da rehabilitación tampouco está prevista a posta en valor e divulgación do recinto”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez. “É unha carencia sobre a que ten advertido mesmo o equipo que redactou o proxecto, hai anos” abunda.
“Cremos importante dar no propio recinto unha imaxe do que foi, de cómo se construíu, de por que se perdeu e de cómo se recuperou o que aínda queda”, relata. A proposta do BNG é recuperar dous edificios baleiros e sen uso actual- os baixos do graderío do auditorio e o que fora aula da natureza- para musealizar restos que actualmente están fóra de contexto e interpretar o Pasatempo e a súa época.
“Propoñemos tamén sinalizar os elementos e a colección botánica con chapas explicativas sinxelas e non agresivas, con códigos QR” relata. “Hoxendía a tecnoloxía dixital e os smartphones que todas as persoas levan no peto permiten facer todo este traballo sen colocar paneis enormes que requiren mantemento ou editar milleiros de folletos que acaban abandonados en almacéns, sen uso”, detalla a portavoz municipal do BNG.
“Todas estas actuacións poden levarse a cabo sen interferir no proceso de recuperación do parque, moito máis lento”, explica. “De feito, salvando a terraza na que están os Estanques do Retiro e a Gruta, afectados polos derrumbamentos dos últimos anos, cremos que nada impide ‘desconfinar’ o resto do parque e recuperalo para a veciñanza” engade Amelia Sánchez.
Neste sentido, mesmo propoñen destinar o Plan Complementario, en canto se dote, a actuacións de rehabilitación no propio recinto. “Sabemos que a contía que a Deputación reservou e a que dispuxo o Concello non chegan para afrontar toda a recuperación do parque, e a Xunta polo de agora non incluíu cartos nos orzamentos para o Pasatempo”, explica. “Así que toda aportación é pouca, e o complementario pode destinarse a actuacións de conservación urxentes no propio recinto”, explica a voceira do BNG.
“Tan só hai que priorizar: deixar o pavimentado de camiños para facer con fondos municipais e destinar o POS+ a unha inversión estratéxica para Betanzos como rehabilitar o Pasatempo” explica. “Cremos que é urxente poñerse a traballar no tema porque hai actuacións que non poden seguir agardando e é fundamental garantir a conservación do propio parque” explica.
Ampliar a rede de saneamento con brañas artificiais
Outra das propostas do BNG é destinar parte destes plans de obras a ampliar a rede de saneamento. As nacionalistas avogan por construír pequenas depuradoras ecolóxicas a base de brañas artificiais. “Ten menos custo de obra e mantemento que unha depuradora convencional, non precisa consumo eléctrico nin grandes canalizacións ou bombeos, polo que sae moito máis barato para sanear os núcleos rurais que non teñen sumidoiros”, explica a portavoz municipal do BNG.
Recuperar o patrimonio: musealizar o muíño municipal de Caraña e poñer en valor a Feira Nova
As nacionalistas piden fondos para a posta en valor e rehabilitación da fonte dos Cabalos e o conxunto do recinto da Feira Nova, un conxunto de mediados do século XIX. A fonte dos Cabalos, fronte a Correos, está moi deteriorada e oculta vehículos mal estacionados e outros elementos. Ademais, advirten as nacionalistas, todo o conxunto da Feira Nova, construído ao tempo que a Fonte de Diana, está moi desfigurado. “É unha actuación modesta que recuperaría unha fonte centenaria e daría valor a esta zona”, explica Amelia Sánchez.
Ademais, a imaxe doutras cidades europeas, desde o BNG propoñen a adquisición de lonas decoradas para cubrir as ruínas do Casco Histórico. “Pode ser coas fachadas desaparecidas, con imaxes históricas da zona monumental ou mesmo reproducindo cadros que representan a nosa cidade, o caso é facer atractivo centro histórico, como atracción turística e para captar investimento”, explican.