O BNG esixe explicacións polas agresións ao patrimonio municipal
As nacionalistas esixen saber se as obras realizas na Torre do Reloxo, na Alameda ou nas igrexas betanceiras contaron cos permisos pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio e se foron respectuosas cos elementos catalogados.
Betanzos, 10 de marzo de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de esixir explicacións polo que consideran novas agresións ao patrimonio do goberno local.
Segundo a súa voceira e candidata á alcaldía, Amelia Sánchez, “ao longo destas semanas, varias foron as agresións ao noso patrimonio que as veciñas e veciñas de Betanzos nos fixeron chegar. Estas agresións teñen a ver coas bancadas de cantería que circundan a alameda, nas inmediacións do Edificio do Arquivo do Reino, que foron limpadas con auga a presión e rematadas con masilla para unir as xuntas; a limpeza con auga a presión tamén nas igrexas de San Francisco e Santo Domingos; así como uns remates para tapar as crecentes fendas na Torre do Reloxo municipal”.
No BNG amósanse fondamente preocupadas polo modus operandi do goberno local, en que se deixa ver un claro desprezo pola conservación e o coidado do patrimonio de todas as betanceiras e galegas.
Especialmente preocupante resulta a situación da Torre do Reloxo Municipal, que xa fora obxecto de iniciativas plenarias e parlamentares logo da cuestionábel competición deportiva que se realizara nos seus muros. Actualmente, o BNG alertou de que as fendas da torre foron a máis e de que o goberno local aplicou puntos de masilla nalgunhas destas fendas sen un motivo claro.
As nacionalistas esixiron coñecer se o goberno local contou con permisos da Dirección Xeral de Patrimonio para desenvolver estes labores e afeoulle ao goberno socialista que actúe con métodos de limpeza adecuados e respectuosos nos edificios catalogados.