O BNG insiste en destinar parte do POS+ para rehabilitar a grada do auditorio do Pasatempo como centro de interpretación do parque
A proposta do BNG é recuperar dous edificios baleiros e sen uso actual- os baixos do graderío do auditorio e o que fora aula da natureza- para musealizar restos que actualmente están fóra de contexto e interpretar o Pasatempo e a súa época
Betanzos, 1 de novembro de 2021.- O BNG presentou as súas propostas para o POS+ 2021, o Plan Único de Obras e Servizos da Deputación. As nacionalistas insisten un ano máis na proposta de reacondicionar o baixo da grada do auditorio do Pasatempo como un centro de interpretación do parque enciclopédico. “Recuperar este espazo baleiro e degradado para este novo uso non interfire nin coa redacción do Plan Director do Pasatempo nin co proceso de rehabilitación do parque histórico”, explica a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
“O Pasatempo non ten nada que explique a veciñanza e visitantes a súa orixe e vicisitudes ao longo dos seus máis de cen anos de vida, e no anteproxecto da rehabilitación tampouco está prevista a posta en valor e divulgación do recinto”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez. “É unha carencia sobre a que ten advertido mesmo o equipo que redactou o proxecto, hai anos” abunda.
“Cremos importante dar no propio recinto unha imaxe do que foi, de cómo se construíu, de por que se perdeu e de cómo se recuperou o que aínda queda”, relata. A proposta do BNG é recuperar dous edificios baleiros e sen uso actual- os baixos do graderío do auditorio e o que fora aula da natureza- para musealizar restos que actualmente están fóra de contexto e interpretar o Pasatempo e a súa época.
“Propoñemos tamén sinalizar os elementos e a colección botánica con chapas explicativas sinxelas e non agresivas, con códigos QR” relata. “Hoxendía a tecnoloxía dixital e os smartphones que todas as persoas levan no peto permiten facer todo este traballo sen colocar paneis enormes que estraguen o recinto e que requiren mantemento ou editar milleiros de folletos que acaban abandonados en almacéns, sen uso”, detalla a portavoz municipal do BNG.
“Recuperar o Pasatempo é unha inversión estratéxica para Betanzos, o patrimonio é o motor económico desta cidade” explica. “Cremos que é urxente poñerse a traballar no tema porque hai actuacións que non poden seguir agardando e é fundamental garantir a conservación do propio parque” explica.
Recuperar o patrimonio: musealizar o muíño municipal de Caraña e poñer en valor a Feira Nova
Nesta liña de posta en valor do patrimonio histórico do municipio, as nacionalistas voltan propoñer a posta en valor e rehabilitación da fonte dos Cabalos e o conxunto do recinto da Feira Nova, de mediados do século XIX. Advirten as nacionalistas que “todo o conxunto da Feira Nova, construído ao tempo que a Fonte de Diana, está moi desfigurado e con constantes agresións”. “É unha actuación modesta que recuperaría unha fonte centenaria, daría valor a esta zona e pecharía o círculo logo de amañarse os escudos do Reino de Galiza con grafittis como propuxemos tamén durante anos”, explica Amelia Sánchez.
Ampliar a rede de saneamento con brañas artificiais
Outra das propostas do BNG é destinar parte destes plans de obras a ampliar a rede de saneamento. As nacionalistas avogan por construír pequenas depuradoras ecolóxicas a base de brañas artificiais. “Ten menos custo de obra e mantemento que unha depuradora convencional, non precisa consumo eléctrico nin grandes canalizacións ou bombeos, polo que sae moito máis barato para sanear os núcleos rurais que non teñen sumidoiros”, explica a portavoz municipal do BNG.