O BNG SOLICITOU TAMÉN INFORMACIÓN SOBRE A AUTORIZACIÓN DE PATRIMONIO PARA A CONSTRUCIÓN DA PISTA DE SALTO A CARÓN DA FONTE DAS CATRO ESTACIÓNS
O BNG presentou no Parlamento una iniciativa para saber que actuacións está a desenvolver a Xunta para elaborar o Plan director do Pasatempo
Desde o BNG presentaron una iniciativa pedindo información ao goberno galego do PP sobre que actuacións está a desenvolver para a elaboración do anunciado e comprometido Plan director do Parque do Pasatempo de Betanzos que dea comezo á implicación económica para a súa urxente restauración
Betanzos, 12 de xaneiro de 2021. O BNG presentou no Parlamento una iniciativa para saber que actuacións está a desenvolver a Xunta para elaborar o comprometido Plan director do Parque do Pasatempo. “En resposta á Proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario do BNG a respecto da demanda de apoio económico para iniciar a restauración do Parque do Pasatempo de Betanzos, unha vez declarado BIC, o Partido Popular xustificou o seu voto en contra alegando que, antes de comprometer achegas económicas por parte da Xunta de Galiza para a recuperación deste ben cultural senlleiro, cumpría a elaboración dun plan director”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“A directora xeral de patrimonio cultural afirmou o pasado mes na comisión de cultura e patrimonio que desde o primeiro momento a Consellería dispuxera os medios técnicos en diferentes reunións co concello e axentes implicados para valorar cales eran as fases que se deberían trazar para o proceso de recuperación deste ben que se encontra nun estado de deterioro moi preocupante, mesmo perdido xa para sempre unha parte pola desidia das administracións”, engadiu Queixas.
“A directora xeral indicou que este plan director é asumido pola Xunta de Galiza co obxectivo de analizar as problemáticas deste parque e as necesidades de restauración e conservación do ben para proceder a actuar con posterioridade”, indicou a deputada nacionalista. “ Por iso desde o BNG presentamos una iniciativa pedindo información ao goberno galego do PP sobre que actuacións está a desenvolver para pór en andamento a elaboración do anunciado e comprometido Plan director do Parque do Pasatempo de Betanzos que dea comezo á implicación económica para a súa urxente restauración”, concluíu.
O BNG solicitou tamén información sobre a autorización de patrimonio para a construción da pista de salto a carón da fonte das catro estacións
O BNG solicitou tamén copia da autorización de patrimonio en relación coa construción da pista de salto por parte da concellería de deportes, dentro do recinto do BIC do Pasatempo e a carón da Fonte das Catro estacións. “Será por espazos adecuados en Betanzos para unha pista deportiva sen necesidade de instalala xusto dentro do BIC do Pasatempo. Pedimos acceso á autorización de Patrimonio para levar a cabo esta actuación porque esperamos que o goberno local do PSOE estea actuando con responsabilidade como require un ben patrimonial do valor do Pasatempo”, concluíu Mercedes Queixas.