O BNG solicita medidas de protección na Fábrica da Luz
As nacionalistas alertan da entrada de rapazada no edificio, co conseguinte perigo para as persoas e para o propio edificio, así como a falta de medidas para consolidar a estrutura da construción.
No BNG esixen responsabilidade e compromiso para evitar unha perda irreparábel para o pobo de Betanzos.
Betanzos, 20 de marzo de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria coa finalidade de alertar dos problemas que seguen a rodear o edificio da Fábrica da Luz da Madalena.
Por un lado, a voceira e candidata nacionalista, Amelia Sánchez, indica que desde que se produciu o cambio do transformador que albergaba no seu interior, o peche perimetral non se recolocou e isto facilita o acceso a persoas ao seu interior, co perigo que isto provoca para a súa seguridade e para a seguridade do propio edificio. Segundo Sánchez, “as veciñas que residen nas inmediacións da Fábrica da Luz da Madalena alertan da entrada frecuente de rapaces dentro do recinto do inmóbel, que presenta risco de colapso”.
As nacionalistas esíxenlle ao goberno local que tome medidas para dar por finalizados este tipo de condutas que poñen en perigo a veciñanza e o propio edificio.
Asemade, no BNG solicita ao goberno local que desenvolva as medidas para a consolidación do edificio da Fábrica da Luz, catalogado como Ben de Interese Cultural, que anunciou meses atrás. “Os labores anunciados nos medios non se iniciaron e o edificio amosa un estado que ameza co seu inminente derrubamento”, engade a voceira nacionalista.
As nacionalistas lembraron que son a desidia do goberno local e da Xunta de Galiza as responsábeis da actual situación de abandono e de deterioro deste edificio. As únicas accións para protexer o inmóbel “viñeron de man do BNG, que impulsou a protección e conservación do edificio a través de numerosas iniciativas no Concello de Betanzos e no Parlamento galego, co fin de converter o edificio nun lugar aberto á veciñanza fronte aos intereses especulativos dos actuais propietarios”.
No BNG esixiron a ambas institucións responsabilidade e compromiso para evitar unha perda irreparábel para a veciñanza de Betanzos e para as galegas en xeral.