O BNG pediu ao goberno local unha xestión económica responsábel que non prexudique ás pequenas empresas que traballan para a administración
A xestión irresponsábel do goberno local está prexudicando ás pequenas empresas, que levan meses agardando para cobrar por servizos ou obras realizadas, nun momento complicadísimo como foi o pasado ano 2020, pola crise que deriva da pandemia da covid-19
Betanzos, 8 de maio de 2021. O BNG pediu ao goberno local unha xestión económica responsábel despois de que convocara un pleno extraordinario para aprobar unha nova modificación do orzamento para facer fronte a máis de 200 mil euros en facturas sen pagar do pasado ano por falta de crédito no orzamento. “É a forma habitual de proceder do goberno local, achegar facturas sen contrato e sen respaldo orzamentario para poder pagalas e despois aprobar recoñecementos extraxudiciais de crédito no Pleno para facerlles fronte, retrasando os tempos de pago ás empresas”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
Desde o BNG insistiron en que este é o procedemento habitual do goberno no que ten que ver coa xestión económica, no ano 2019 aprobaron por esta mesma vía case 1 millóns de euros en facturas. “A xestión irresponsábel do goberno local está prexudicando ás pequenas empresas, que levan meses agardando para cobrar por servizos ou obras realizadas, nun momento complicadísimo como foi o pasado ano 2020, pola crise que deriva da pandemia da covid-19”, engadiu a portavoz nacionalista.
“Esta forma de proceder ben provocando informes en contra da interventora municipal desde hai anos e reparos suspensivos que logo ten que levantar o Pleno. “Facturas reiteradas sen contrato, fraccionamento para evitar cumplir a lei de contratos en gastos reiterados como o mantemento dos ascensores, o servizo de limpeza ou de xardinería, e facturas sen crédito orzamentario, deixan clara a irresponsabilidade do goberno e a súa caótica xestión económica”, engadiu.
Desde o BNG salientaron ademais que o goberno local incorpora parte do remanente do ano anterior, que quedou sen executar, para obras que leva anos anunciando. “O remanente do ano anterior non ven de maiores ingresos dos previstos no orzamento, menos nun ano coma o 2020 en que se tiveron que aprobar descontos en taxas, pola situación derivada da pandemia. O remanente deriva da falta de execución do orzamento sobre todo nos investimentos, podían ter asumido estas obras que levan anos anunciando, como a rehabilitación do convento das Donas ou a recuperación da Casa Gótica, pero non se executaron pola falta de capacidade do goberno e vólvenas a anunciar como se tratase dun novo investimento ano tras ano”, engadiu Amelia Sánchez.
Modificativo para asumir as axudas á rehabilitación no Casco Histórico
“Como xa advertimos cando se aprobou o orzamento para o presente ano o goberno local non consignaba crédito para as axudas á rehabilitación no Casco Histórico. Agora vense obrigados a outra modificación orzamentaria para poder facer fronte á parte destas axudas que ten que asumir o concello, menos de tres meses despois da aprobación do orzamento”, explicou a portavoz do BNG. “Non é serio, nin responsábel aprobar un orzamento que, como advertimos, non recollía as necesidades do concello e logo modificalo case por completo menos de tres meses despois da súa aprobación”, concluíu.