Rego reclama ao Ministerio da Seguranza Social a cesión do antigo ambulatorio de Betanzos
BNG propón habilitar o edificio para a creación dun Centro de día con prazas públicas para mellorar a calidade de vida e de benestar da veciñanza da comarca das Mariñas
Madrid, 6 de maio de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza novas iniciativas na cámara baixa para que o Ministerio de Seguranza Social ceda o antigo ambulatorio da vila de Betanzos e se habilite como un Centro de día. A formación nacionalista propón destinar este espazo, a día de hoxe sen uso, para que se atendan as demandas e necesidades da localidade.
O edificio do antigo ambulatorio de Betanzos é unha infraestrutura situada no centro da vila, nun lugar privilexiado, que pertence o Ministerio de Seguranza Social. A día de hoxe sofre un deterioro tanto no seu interior como na fachada e só unha parte está sendo ocupada e empregada polo Ministerio. A organización frentista, desde hai anos, propón darlle un uso público e social e en moitas ocasión lanzou esta proposta no eido municipal e a nivel galego. Agora, o deputado nacionalista comprometeuse a realizar iniciativas para reclamar ao Ministerio da Seguranza Social a cesión da infraestrutura.
“Este edificio, en mans da Xunta de Galiza ofreceríalle a posibilidade á veciñanza de Betanzos e de toda a comarca das Mariñas de cubrir unha necesidade crecente como é a habilitación do espazo e convertelo nun Centro de día con prazas públicas” asegura a voceira municipal do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez. Esta habilitación favorecería a “atención a dependencia, unha mellor atención aos noso maiores e unha conciliación da vida familiar máis óptima”.
Pola banda do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apunta a necesidade de que “dunha vez por todas este edificio sexa transferido do Ministerio da Seguranza Social para que poida ter un uso público”. Dentro dese uso, o deputado nacionalista salienta a posibilidade de habilitalo como un Centro de día “dado que en toda a comarca só existen 15 prazas de Centro de día en Miño que son claramente insuficientes”.
“É incomprensíbel que teñamos un edificio destas características, desta capacidade, que está practicamente desocupado e inutilizado cando pode ter un uso que, como digo, é fundamental para mellorar a calidade de vida e de benestar do conxunto dos veciños e veciñas da” asevera Rego. Especialmente, o deputado fai fincapé nas persoas de máis idade que teñan que acceder a servizos como o Centro de día. “O BNG continuará traballando para que esta vella demanda da veciñanza de Betanzos se faga realidade canto antes” reivindica Néstor Rego.