O BNG votou en contra do modificativo para pagar gastos que o goberno local se nega a dar a coñecer á Corporación
“O goberno local propón un modificativo de crédito para pagar facturas que foron contratadas sen fondos e para iso propón rebaixar, outras partidas como parte das a autónomos e PEMEs”
“Pedimos acceso ás facturas sen fondos que o goberno de María Barral pretende pagar con este modificativo e o goberno negóunolo, co cal non temos forma de saber se realmente se trata de gastos asociados á crise da covid ou a outros gastos calquera”
Betanzos, 10 de novembro de 2020. O BNG votou en contra do modificativo de crédito que propón o goberno local no Pleno desta tarde. “O goberno local propón un modificativo de crédito para pagar facturas que foron contratadas sen fondos e para iso propón rebaixar, outras partidas como parte das a autónomos e PEMEs”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Pedimos acceso ás facturas sen fondos que o goberno de María Barral pretende pagar con este modificativo e o goberno negóunolo, co cal non temos forma de saber se realmente se trata de gastos asociados á crise da covid ou a outros gastos calquera”, criticou a portavoz do BNG. “Temos dereito por lei a acceder a esta documentación que ademais é importante para poder votar este tipo de modificacións económicas, mais o goberno local do PSOE está facendo unha xestión completamente escurantista e opaca e iso impídenos apoiala”, engadiu.
“Hai 5 meses trouxeron a Pleno outro modificativo cun recoñecemento extraxudicial de facturas por máis de 800 000 euros, no que vai de ano levaron a Pleno o pago de facturas sen fondos por máis de 1 millón de euros”, informou Sánchez, “non pode ser que xustifiquen coa crise da covid unha xestión económica caótica e chea de gastos superfluos”.
Críticas á Xunta por non asumir a súa responsabilidade na Pandemia
“Desde o noso punto de vista a Xunta está delegando nos concellos todo o que ten que ver coa xestión da pandemia dao covid – desde a desinfección dos centros de ensino ás axudas ás persoas e empresas que máis están sufrindo esta crise - pero en ningún momento achegou financiamento aos concellos para estes novos gastos. A Xunta ten que asumir as súas competencias e non seguir delegando todo na xestión dos concellos”, concluíu a portavoz do BNG.
“No BNG parécenos moi preocupante que nun contexto en que os autónomos e pequenos empresarios están o pasando moi mal o goberno afirme que sobran axudas e retire 60.000 euros dos fondos reservados para estas axudas” advertiu a portavoz municipal do BNG. “Algo están facendo moi mal as administracións cando están pechando negocios e ao mesmo tempo afirman que sobran axudas, e xa imos tarde para buscar a solución”, engadiu Sánchez.