O BNG demanda a modificación do proxecto de orzamentos do PSOE para incluír axudas para a hostalería
“O goberno local levará a Pleno a aprobación do orzamento para este ano no que non contempla ningunha partida para unha nova liña de axudas á hostalería”.
“É unha incoherencia por un lado comprometerse a apoiar o sector e despois no seu propio orzamento non reservar un só euro para estas axudas, máxime cando na FEGAMP se está a propor a reserva dun 1% dos orzamentos municipais para estas axudas”, advirte Sánchez.
Betanzos, 24 de febreiro de 2021. O BNG esixiu ao goberno local que modifique a proposta de orzamento para o 2021 que levará a Pleno o vindeiro venres para incluír unha partida destinada a axudas á hostalería. “O goberno local levará a Pleno a aprobación do orzamento para este ano no que non contempla ningunha partida para unha nova liña de axudas á hostalería”, criticou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
A portavoz nacionalista explicou que o goberno pediu o apoio do BNG para unha declaración institucional de todos os grupos dun texto acordado entre o goberno e a plataforma de hostaleiros. “Neste texto inclúen o compromiso de que o goberno aprobe unha nova orde de axudas dotada con 150 000 euros, mais no orzamento esta cantidade non aparece recollida e segundo nos explicou o concelleiro de facenda pretende que a financien outras administracións como a Deputación e a Xunta”, criticou a portavoz do BNG.
“É unha incoherencia por un lado comprometerse a apoiar o sector e despois no seu propio orzamento non reservar un só euro para estas axudas, máxime cando na FEGAMP se está a propor a reserva dun 1% dos orzamentos municipais para estas axudas”, engadiu. “Por iso solicitamos ao goberno local que modifique o orzamento para o vindeiro ano e reserve partidas para poder compensar á hostalería e outros sectores que están sufrindo directamente dunha forma gravísima as consecuencias da pandemia”, concluíu.
Desde o BNG anunciaron o seu apoio á declaración institucional acordada entre o goberno local e a hostalería, como un texto de mínimos en que todos poidamos estar de acordo deixando a un lado intereses partidistas, “máis insistimos en que ese texto non pode ser un brinde ao sol senón que agora o goberno ten que demostrar que de verdade está disposto en levalo á práctica”.