A vindeira semana vaise aprobar no concello a Conta Xeral do ano pasado. A Conta Xeral é a imaxe de como o goberno local gastou os nosos impostos no 2019. A imaxe de como está gobernando, de cales son as súas prioridades. E a Conta Xeral de 2019 é un retrato clarísimo das prioridades do PSOE, que ten maioría absoluta. Amosa en que e canto decide gastar o PSOE sen ter en conta opinión ou proposta algunha da oposición, ignorando que tamén representamos unha parte da nosa veciñanza e trasladamos ao Pleno as súas demandas.
Din que é tan elocuente onde unha persoa pon o foco coma o que deixa, deliberadamente, ás escuras. Pois coa conta xeral na man, o PSOE pon o foco nas “atencións protocolarias”. É dicir en protocolo, agasallos, pinchos, convites e demais. Nun gasto que non nos aporta nada para vivirmos mellor, María Barral e os seus gastaron 135 776, 88 euros o ano pasado. Máis do que vale comprar un piso bo en Betanzos! No orzamento dixo a toda a veciñanza que ía gastar 9 600 euros, mais á hora da verdade, no ano electoral no que sacou a maioría absoluta, gastou 14 veces esa cantidade.
E o foco vai tamén á propaganda, pagar anuncios e publicidade para convencernos de que o están facendo ben. Nada menos que 43 966, 91 euros, un bo coche de gama alta para calquera veciña desta cidade. Eran 12 000 euros o que puxeran de límite nos orzamentos para propaganda, mais gastaron case 4 veces máis.
E soldiños. Tres dedicacións exclusivas, dúas parciais e novas comisións para retribuír a todos os edís do PSOE. O Concello convertido en axencia de colocación e non lles chega: a primeira medida de María Barral como alcaldesa con maioría absoluta foi subirse os salarios e aínda gastaron case 2000 euros en dietas para o goberno: gastos de viaxe e manutención. É legal, pero cremos que tamén é eticamente cuestionábel.
E a sombra vai onde sempre. Os gastos de máis nuns lados compénsanse con que sobren cartos noutros sitios. A protección e xestión do patrimonio é o exemplo máis claro: con 835 817 euros para investir na recuperación do noso maltratado patrimonio histórico, deixaron sen usar 749 343 euros. Non investiron nin a décima parte do que podían, mentres todas vemos como segue pechado e a caer o Pasatempo, como nos queren colar coma un fito que das 1200 vivendas do Casco HIstórico a Xunta rehabilitara 8 casas en 10 anos, a Casa Gótica sen reconstruír a pesar de ducias de anuncios, a fábrica da luz a caer...
A Conta Xeral fálanos moi claro de cales son as prioridades do goberno de María Barral: protocolo, propaganda, festas e fotos. As betanceiras merecemos moito máis, merecemos un goberno que aposte por Betanzos, polos nosos servizos, que invista en dinamizar a nosa economía, o noso comercio. Máis feitos e menos fotos.