O BNG levará ao Pleno o colapso da atención primaria no centro de saúde do Carregal
No noso ambulatorio contamos con oito médicos e dúas pediatras para atender unha poboación que o SERGAS estima en 13440 pacientes, o que supón superar moi amplamente o cupo de pacientes por doutor que a Lei que aprobou o PP indica”
O BNG presentará outra moción para demandar á Consellaría de Infraestruturas e mobilidade a atender as demandas das persoas afectadas pola redución de frecuencias e horarios das liñas de autobús e a ofrecer todos aqueles servizos que sexan necesarios para permitir unha correcta conectividade entre Betanzos, A Coruña e Ferrol
Betanzos, 24 de xaneiro de 2022.- O BNG levará ao Pleno o colapso da atención primaria no centro de saúde do Carregal. A voceira do BNG, Amelia Sánchez, advirte que a situación actual do ambulatorio “non se debe aos efectos da pandemia, que tan só pon en evidencia as carencias da Atención Primaria do SERGAS tras 12 anos de recortes sistemáticos por parte do goberno de Núñez Feijóo”.
Amelia Sánchez explica que a atención primaria “baséase na proximidade, na accesibilidade, na relación directa entre as profesionais e as doentes e na continuidade da asistencia, uns valores que a día de hoxe están en risco”. “A pandemia da Covid 19 non fixo máis que facer aflorar con toda a crueza o deterioro do noso sistema sanitario, xa que a degradación progresiva da atención primaria é a consecuencia das decisións políticas que se foron tomando e que teñen unha finalidade última: o desmantelamento do sistema sanitario público” .
“Son 12 anos de recortes constantes, de xubilacións sen cubrir e de vacantes e baixas do persoal sen substituír”, detalla a voceira do BNG, que explica que “o tema témolo trasladado insistentemente ao Pleno do Concello e ao Parlamento sen que o PP puxese solución para garantirnos unha atención sanitaria de calidade”. “No noso ambulatorio contamos con oito médicos e dúas pediatras para atender unha poboación que o SERGAS estima en 13440 pacientes, o que supón superar moi amplamente o cupo de pacientes por doutor que a Lei que aprobou o PP indica”. “Mais a pesar diso, e por moitas iniciativas demandando cubrir baixas e vacacións, e por moitas emendas aos orzamentos pedindo fondos para máis persoal, o PP e Feijóo non queren garantir o noso dereito a unha atención sanitaria de calidade”.
Por este motivo, as nacionalistas demandarán que o Pleno inste á Xunta a cambiar a política sanitaria actual, cambiándoa por outra baseada en equipos multidisciplinares de profesionais, en número suficiente e con estabilidade laboral para poder atender en condicións as demandas da poboación. Do mesmo xeito, demandan incorporar á Carteira de Servizos de Atención Primaria novas categorías imprescindíbeis para prestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera: persoal de psicoloxía e farmacia clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais, podólogos, nutricionistas... Contratar todas as profesionais que sexan precisas para garantir a atención sen demoras ás persoas que precisan pórse en contacto cos centros de saúde tanto presencial como telefonicamente e facilitar o acceso a probas diagnósticas directamente son outras das medidas propostas polo BNG.
Reposición das frecuencias de autobús na liña A Coruña - Ferrol
O BNG presentará outra moción para demandar á Consellaría de Infraestruturas e mobilidade a atender as demandas das persoas afectadas pola redución de frecuencias e horarios das liñas de autobús e a ofrecer todos aqueles servizos que sexan necesarios para permitir unha correcta conectividade entre Betanzos, A Coruña e Ferrol. O BNG lembra que presentou unha iniciativa no Parlamento a pasada semana despois de que se fixera pública a supresión de liñas por estrada entre A Coruña e Ferrol que afectou a persoas usuarias de Miño ou Betanzos.
Neste sentido, as nacionalistas demandarán tamén á Consellería que retome as conexións entre Betanzos e os campus universitarios da Coruña e de Ferrol para permitir os desprazamentos diarios do estudantado de Betanzos e a súa área de influencia. “Trátase de ofrecer unha alternativa máis sostíbel ambiental e socialmente, tanto á mocidade como ás persoas que traballan en todo este ámbito”, explica Amelia Sánchez.
De feito, as nacionalistas instan ao goberno local de Betanzos a estudar a posibilidade de estabelecer servizos de autobús entre a cidade e os polígonos empresariais da contorna. “Se é legal e viábel poñer en marcha unha liña estival para ir á praia noutro concello, supoñemos que nada impide conectar os polígonos de Betanzos e os arredores coa nosa cidade para sacar coches das estradas e facer máis sustentable o entorno no que vivimos”, conclúe Sánchez.