Estamos a vivir a primeira pandemia do século XXI e, obviamente, non estabamos preparadas para encarar unha crise sanitaria desta categoría. A pesar da dureza do confinamento e das medidas que nos vimos obrigadas a adoptar, fúmonos habituado aos poucos a todo o que leva consigo esta “nova normalidade” e demos entre todas unha auténtica lección de saber estar e de espírito de superación.
No entanto, semella que o goberno galego non tirou ningunha aprendizaxe desta situación. Se algo aprendemos nesta crise foi a importancia da sanidade pública, que cómpre respectar, dignificar e fortalecer. Porén, chega o verán e os recortes volven á sanidade no seu conxunto e aos centros de saúde das Mariñas en particular.
A sociedade galega e betanceira deben pronunciarse contra estes recortes e exixir unha atención sanitaria de calidade
Nestas semanas lemos na prensa algunhas das primeiras medidas do goberno da Xunta de Galiza logo das eleccións do 12 de xullo encamiñadas a recortar os servizos sanitarios. Na nosa comarca, xa mermada na atención primaria desde hai anos, seguen sen cubrirse as vacacións nos centros de saúde -como xa denunciamos desde o BNG no ambulatorio de Oza e de Cesuras- e segue sen recuperarse a axenda de atención médica á cidadanía. Isto implica que non se realicen as revisións de pediatría con normalidade, que non se faga un seguimento presencial dos enfermos crónicos ou que se siga a ter dificultade para conseguir citas presenciais.
A sociedade galega e betanceira deben pronunciarse contra estes recortes e exixir unha atención sanitaria de calidade. Son moitos os anos que desde o BNG levamos a loitar para que a Xunta de Galiza dote o Centro de Especialidades da nosa localidade dos medios humanos (pediatría, matrona, medicina interna…) e materiais (ecógrafos, fondo de ollo…) necesarios para o seu correcto funcionamento e para evitar desprazamentos innecesarios ao centro do Ventorrillo ou ao CHUAC.
Se algo aprendemos nesta crise foi a importancia da sanidade pública, que cómpre respectar, dignificar e fortalecer. Porén, chega o verán e os recortes volven á sanidade no seu conxunto e aos centros de saúde das Mariñas en particular.
Pola nosa parte, seguiremos reivindicando estes medios de maneira incesante e animaremos a toda a sociedade para que faga o mesmo. Chegou o momento de converter os aplausos en feitos, de axudar de verdade o persoal da sanidade pública galega a que desenvolvan o seu labor nunhas condicións dignas e aceptábeis. Fagámolo entre todas.
Artigo orixinalmente publicado no xornal Betanzos e a súa comarca no número de agosto de 2020.