O BNG denuncia o estado do paseo do río Pelamios
Lembrou que no pleno de setembro de 2020 saíra aprobada unha moción do BNG “para a limpeza e a renovación integral do mobiliario e da cartelaría dos muíños e da ribeira do rego de Caraña”. Advirte, porén, de que aínda non houbo actuacións para repoñer todos estes elementos.
Betanzos, 28 de xaneiro de 2022. O BNG cuestionou que o goberno local do PSOE retirase unha ponte sobre o río de Caraña. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, recordou no pleno que “hai unhas semanas, a veciñanza de Caraña denunciaba o mal estado en que se atopaba a ribeira do rego de Caraña, en xeral, e a pontella que dá acceso ao cubo dos muíños de Caraña, en particular.”
Segundo explicou a portavoz municipal do BNG, foron as propias veciñas as que tiñan que encintar a zona ante a caída das táboas da pontella e colocar un cartel de advertencia para as persoas que adoitan pasear pola ribeira do río. “A solución institucional foi retirar por completo o pontigo e deixar cortado o acceso ao cubo”, lamentou Amelia Sánchez, cuestionando que o espazo quede agora “sen acceso”.
A edila do BNG demandou ao executivo local a reposición desta pontella e de outros elementos desaparecidos ou deteriorados do roteiro en torno ao río de Caraña. Lembrou que no pleno de setembro de 2020 saíra aprobada unha moción do BNG “para a limpeza e a renovación integral do mobiliario e da cartelaría dos muíños e da ribeira do rego de Caraña”. Advirte, porén, de que aínda non houbo actuacións para repoñer todos estes elementos.