O BNG preguntará no pleno pola sanción ao músico Roger de Flor
O BNG pedirá explicacións ao goberno local pola sanción a un coñecido músico mentres estaba a interpretar os seus temas na feira de Santos
Betanzos, 3 de novembro de 2021.- O BNG pedirá explicacións ao goberno local na próxima sesión plenaria pola sanción a un coñecido músico mentres estaba a interpretar os seus temas nas rúas de Betanzos durante a feira de Santos do pasado 1 de novembro.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “descoñecemos en base a que normativa se efectuou a mencionada sanción, posto que non existe ningunha ordenanza que regulamente as actuacións musicais na vía pública. Non estaba a interromper o paso, pois estaba situado nunha zona peonil, e tampouco incumpría a ordenanza de ruídos, que, por outro lado, aínda non entrou en vigor”.
Os axentes pedíronlle os permisos ao músico para instalar o seu posto, a pesar de non se tratar dun posto informativo nin dun posto de venda ao público. Ao carecer deles, notificáronlle a sanción.
En palabras de Sánchez, “as persoas que se dedican á cultura están a atravesar uns momentos moi complicados despois da pandemia da Covid. Obviamente, non pedimos que se salten as normas, mais neste caso concreto, carecemos de normativas ao respecto”.