Demandamos actuacións contundentes e inmediatas para salvar a Fábrica da Luz
“Facer ver que cunha multa de 5000 euros vai virar a vontade dunha empresa que só do Concello de Betanzos leva medio millón é unha broma macabra”
“Temos aí diante o exemplo da Casa Gótica para comprobar que as multas coercitivas non garanten a conservación do patrimonio, sobre todo se son de contías ridículas para o destinatario, como é o caso”
“Facer ver que cunha multa de 5000 euros vai virar a vontade dunha empresa que só do Concello de Betanzos leva medio millón é unha broma macabra”
“Temos aí diante o exemplo da Casa Gótica para comprobar que as multas coercitivas non garanten a conservación do patrimonio, sobre todo se son de contías ridículas para o destinatario, como é o caso”
Betanzos, 20 de outubro de 2018. O BNG demandou actuacións contundentes para garantir a conservación da fábrica da luz en pé. As nacionalistas entenden que a multa coercitiva acordada polo goberno local o pasado 27 de setembro “nin vai torcer a vontade de Naturgy de tirar o edificio nin supón unha ameaza para a multinacional”.
“Estamos falando dunha empresa que só do Concello de Betanzos cobrou en 2017 arredor de medio millón de euros”, explica o portavoz nacionalista, Henrique del Río. “Unha multa de 5000 euros dálle a risa”, lamenta. “Se algo quedou claro en todo este proceso é que Fenosa, Gas Natural e Naturgy levan anos pretendendo demoler este monumento, que recorreron canta orde se lles deu e que recorrerán tamén a multa para gañar tempo e forzar que caia a Fábrica da Luz porque xa dixeron alto e claro que se negan a mantela en pé”, relata.
“Diante diso hai dúas opcións: ser cómplice deles ou plantar cara”, explica o edil do BNG. “O Pleno acordou, por iniciativa do BNG, que o Concello actúe directamente para garantir a conservación deste edificio único, e a alcaldesa e o seu goberno saltaron por riba diso para seguir facendo exactamente o mesmo que até agora”, relata, “en lugar de executar subsidiariamente os traballos de mantemento e xirarlle a factura á empresa, decide xogar a enredar con multas coercitivas”, explica.
“Temos aí diante o exemplo da Casa Gótica para comprobar que as multas coercitivas non garanten a conservación do patrimonio” lembra. “Sobre todo se son de contías ridículas para o destinatario, como é o caso”, engade. “Facer ver que cunha multa de 5000 euros vai virar a vontade dunha empresa que só do Concello de Betanzos leva medio millón é unha broma macabra” prosegue Del Río.
“Non pode saírlle gratis a Naturgy querer acabar co noso patrimonio industrial”, engaden as nacionalistas. Neste sentido, insisten que o Concello mude de empresa proveedora de electricidade. “Se a antiga Fenosa quere acabar co noso patrimonio, os cartos das betanceiras non poden pagar esta manobra que só busca especular co solar que ocupa este edificio desde hai 125 anos”, conclúen.
Equipamentos sociocomunitarios para poñer en valor o pasado industrial
O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país”, relatan. “Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”, conclúen desde o BNG.