O BNG abstense no debate sobre o polígono de Piadela “para permitir resolver un conflito mesmo xudicial que dura xa anos”
“Desde o BNG non compartimos este modelo, que se está repetindo non só en Betanzos, senón en moitas vilas e cidades do País, de converter as zonas industriais en zonas comerciais e de lecer, desprazando a actividade comercial do centro das vilas aos polígonos industriais”
A portavoz nacionalista aproveitou para poñer enriba da mesa os problemas de comunicación da segunda fase do polígono de Piadela e, en vista da imposibilidade de executar a vía que comunicaría os dous polígonos como estaba proxectada, pediu ao goberno que valore outras alternativas para darlles solución.
Betanzos, 28 de maio de 2021.- O BNG adiantou que se absterá no debate sobre o convenio e a modificación do Plan Parcial do Polígono de Piadela “para permitir resolver un conflito mesmo xudicial que dura xa anos”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “O convenio entre o concello e as Xuntas de compensación vai a Pleno o próximo luns e compromete ao goberno a unha ampliación de usos do solo industrial, permitindo actividades hostaleiras, deportivas ou comerciais, así como que as xuntas de compensación paguen 120 mil euros ao concello como indemnización por non construír o paso soterrado baixo a vía do tren que uniría os dous polígonos debido á oposición de ADIF”, explicou a portavoz nacionalista.
“Desde o BNG non compartimos este modelo, que se está repetindo non só en Betanzos, senón en moitas vilas e cidades do País, de converter as zonas industriais en zonas comerciais e de lecer, desprazando a actividade comercial do centro das vilas aos polígonos industriais” engadiu. “Pensamos que o modelo ten que ser xusto o contrario, e máis nunha cidade como Betanzos: apostar por darlle vida á zona histórica e ao centro comercial aberto e non fomentar o traslado da actividade comercial aos polígonos para que se establezan grandes áreas comerciais e cadeas multinacionais de hostalería”, indicou Amelia Sánchez. “ Ademais, a convivencia destes usos de lecer ou comerciais coa industria sería complicada. Desde o noso punto de vista non ten sentido crear terreo industrial en Talai a carón das vivendas, como propón o PSOE no seu PXOM, e ao mesmo tempo permitir usos comerciais no solo industrial que xa temos creado e sen ocupar” engadiu.
O BNG deixou claro que o seu modelo non é desprazar o comercio cara ao polígono industrial, senon dotar de vida o centro de Betanzos e a súa zona histórica e por iso non apoiará a proposta do goberno local. “Entendemos que é necesario zanxar o conflito xudicial coas xuntas de compensación, pero o modelo de cidade que promove este convenio non é o do BNG” advirten as nacionalistas. “Pensamos que vai ser un problema no deseño futuro de Betanzos, que agravará os problemas que xa ten neste sentido e, polo tanto, ímonos abster”, concluíu Sanchez.
Problemas de comunicación da fase II do Polígono de Piadela
A portavoz nacionalista aproveitou para poñer enriba da mesa os problemas de comunicación da segunda fase do polígono de Piadela e, en vista da imposibilidade de executar a vía que comunicaría os dous polígonos como estaba proxectada, pediu ao goberno que valore outras alternativas para darlles solución.
“A comunicación con este polígono é moi complicada, provocando problemas en pistas que non están preparadas para asumir o tráfico pesado, e grandes problemas no cruce de Montellos coa estrada N-551 que vai a Compostela, tamén polo custo da AP-9”, explicou a nacionalista.
“Ademais esta parte do polígono carece de conexión de transporte público, que pensamos que é fundamental para as persoas que traballan alí e tamén para evitar os desprazamentos en coche particular, cos problemas de tráfico e contaminación que provocan”, engadiu. “Temos un polígono atravesado polas vías do tren que lle dá as costas ao tren” resumiu para indicar outra grande carencia da zona industrial de Piadela