O BNG en contra da creación da Fundación San Roque pola súa opacidade
Obviamente, todas queremos conservar unha tradición única coma o globo. Mais non se pode facer sen cumprir a lexislación e máis se é para crear un chiringuito que escape de todo control público.
Betanzos, 22 de xuño de 2021.- O BNG avanzou o seu voto en contra á proposta do goberno do PSOE de achegar 20.000 euros de maneira irregular á Fundación Globo de San Roque, que promove a familia Pita e o goberno local do PSOE. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, explica que tanto o pagamento desa cantidade como a propia creación da fundación conta con demoledores informes en contra debido á ausencia de controis sobre os fondos públicos que se achegan e o propio funcionamento da fundación.
“Está claro que hai que buscar unha solución para a cuestión do globo, non se pode pagar 17.700 euros de maneira totalmente irregular, sen facturas, ano tras ano”, explicou a voceira nacionalista. A contía agora subirá ata os 20 000 euros, que se achegarían, segundo o informe da Intervención municipal, obviando a normativa sobre xestión de fondos públicos, polo que paraliza a tramitación desta aportación.
“Todas queremos manter e conservar un patrimonio único e icónico para Betanzos como o globo", explica Amelia Sánchez, “mais iso non pode ser a costa de entregar cartos que saen dos tributos de todas as veciñas, e que en anos coma estes tanto custa a moita xente pagar, sen ningún tipo de control público nin fiscalización” engade.
As nacionalistas explican que “non se pode crear a aparencia de que temos que elixir entre montar un chiringuito sen ningún tipo de control ou que desapareza o globo, porque hai outras moitas maneiras de conservar unha tradición como esta: desde que creen calquera tipo de entidade os actuais construtores até que sexa o Concello por si mesmo quen asuma directamente a súa construción e elevación”.
Neste sentido, recordan que está demostrado que o propio Concello promoveu no pasado, contratando artesáns, a construción do aerostato e nada impide volver facelo. “Seguindo todos os trámites da Lei de Contratos, obviamente, non pagando de maneira irregular como até agora”, puntualiza a voceira do BNG.