O BNG CELEBROU A DECLARACIÓN COMO MONUMENTO DA FÁBRICA DA LUZ QUE HOXE FAI OFICIAL O DOG
Celebramos a catalogación da Fábrica da Luz, tras décadas solicitándoo
Durante anos defendimos en solitario que era un ben digno de ser conservado, hoxe a postura é maioritaria e até quen quería plegarse aos intereses da eléctrica recoñecen o valor do edificio. O Pleno acordou, por iniciativa do BNG, que o Concello actúe directamente para garantir a conservación deste edificio único e agora hai unha protección legal definitiva para o edificio, acabáronse as excusas
O BNG celebrou a declaración como monumento da Fábrica da Luz que hoxe fai oficial o DOG. "Levamos décadas demandando a catalogación desde edificio, convencidas da súa singularidade e valor patrimonial", asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. "No BNG estamos convencidas de que é un lugar óptimo para celebrar actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel" remarca o portavoz.
Del Río lembrou as numerosas mocións, preguntas e iniciativas que o BNG ven presentando nos últimos anos para garantir a conservación da fábrica proxectada por López Cortón e González Villar. "Se o goberno local fixera a solicitude a primeira vez que o Pleno aprobou protexer o inmoble, hai ben anos, o estado de conservación da factoría non sería crítico como é hoxe", lamenta.
Neste sentido, o nacionalista urxiu ao goberno local e a Xunta a actuar, "agora que o edificio xa conta cunha protección patrimonial, para evitar que desapareza". "Está probado que Naturgy quere botar abaixo a Fábrica da Luz, por acción ou omisión, e non se pode consentir", explicou. "Cada día que pasa sen adoptarse decisións de calado, estase permitindo que se bote un pouco abaixo o edificio", urxiu.
“O Pleno acordou, por iniciativa do BNG, que o Concello actúe directamente para garantir a conservación deste edificio único" lembrou Henrique del Río. "Agora hai unha protección legal definitiva para o edificio, acabáronse as excusas", explica. "Haberá que ver se se executan os traballos de conservación e se lle xira a factura á empresa ou se, como defendemos, se busca a vía de que o edificio pase a titularidade municipal, pero o tempo esgótase", abundou.
Para as nacionalistas, "a resolución que hoxe se publica é un punto e seguido na nosa loita por manter e conservar este edificio dentro do patrimonio de Betanzos". "Durante anos defendimos en solitario que era un ben digno de ser conservado, hoxe a postura é maioritaria e até quen quería plegarse aos intereses da eléctrica recoñecen o valor do edificio", abundan. "Isto demostra que as propostas do BNG son as que Betanzos precisa para avanzar, e que unha oposición firme e coas ideas claras é positiva para a veciñanza e o patrimonio de Betanzos", asegura o edil nacionalista.
Usos socioculturais para poñer en valor o propio edificio
O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país”, relatan. “Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”, conclúen desde o BNG.