O BNG celebra o seu mitin central pedindo que Betanzos recupere o seu papel de vila de referencia e de cabeceira comarcal
Amelia Sánchez: “Betanzos debe volver a ser o que foi, a cabeceira visíbel da súa comarca, a vila de referencia do norte de Galiza. Porque o temos todo, só necesitamos ilusión, ganas e capacidade de traballo. E iso é o que o BNG representa: vontade de mellorar as cousas para que Betanzos obteña o que merece”
Betanzos, 21 de maio de 2023.- O BNG de Betanzos celebrou onte o mitin central da campaña das eleccións municipais de 2023. No acto, que tivo lugar no Cantón betanceiro, a candidata á Alcaldía, Amelia Sánchez, estivo acompañada polo ex-portavoz e candidato, Henrique del Río, e polo deputado no Congreso, Néstor Rego.
Del Río dirixiuse a esas 1500 betanceiras que nas últimas eleccións celebradas, as galegas do verán de 2020, decidiron converter ao BNG na segunda forza política en Betanzos e que confiaron nesta organización para que volvesen coller a papeleta do BNG o vindeiro domingo 28 de maio. Nas súas palabras “pídolles que sumen o seu sorriso a todas as persoas que honestamente consideran que Betanzos merece máis e que apoien ao único proxecto alternativo ao derrotismo e a resignación”.
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou a necesidade de que Amelia Sánchez sexa a vindeira alcaldesa de Betanzos para levar a cabo a transformación en positivo que o concello merece. Así mesmo, destacou que o equipo do BNG está preparado para liderar o vindeiro goberno municipal, permitindo así, desenvolver políticas verdadeiramente transformadoras. “Queremos estender e mellorar os servizos públicos, temos esa vocación, e mesmo queremos dotar de máis recursos o concello para mellorar a calidade da vida da xente” salientou Rego.
Mais, para este obxectivo, Rego explicou que o grupo municipal do BNG no Concello de Betanzos non só contará co apoio dos concelleiros nacionalistas, senón co apoio “de toda a organización do BNG que xa ten experiencia e proxectos municipais consolidados”. “A marca de concellos BNG é unha marca de prestixio dentro do proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do País e que cumpre con todo aquilo co que se compromete” reivindica o deputado do BNG no Congreso.
Unha organización da que tamén pon en valor o traballo realizado no Congreso que, grazas ao traballo do conxunto da militancia do BNG, “non existe problema nin solución que o BNG non levara á cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que atenda as necesidades do País”. Neste sentido, Rego destacou o papel da formación nacionalista no Congreso, defendendo de maneira incansábel os intereses dos galegos e galegas, así como das maiorías sociais e as clases populares e avanzou o aumento de representación da fronte nacionalista nas vindeiras eleccións xerais. “Galiza precisa de máis peso para condicionar, de maneira decidida, as políticas que desenvolve o Goberno do Estado”.
Canto á candidata á alcaldía nacionalista, Amelia Sánchez, apelou na súa intervención a todas aquelas betanceiras e betanceiros que se senten orgullosas da súa cidade, a todas as betanceiras que queren e valoran Betanzos para que se unisen ao proxecto do BNG e sumasen para aproveitar o inmenso potencial que a cidade de Betanzos ten.
Sánchez recalcou a necesidade de contar “cun proxecto que mude por completo o modelo urbanístico do noso concello, para converter Betanzos nunha cidade amábel, en que non se primen os intereses dos especuladores e se incida na rehabilitación como alternativa”. Na mesma liña, salientou a necesidade de abrir a cidade ao seu entorno natural, abrindo o centro urbano aos ríos, saneando a ría e aproveitando o valor ecolóxico, paisaxístico, laboral e turístico que o medio natural brigantino posúe de seu.
A candidata nacionalista indicou que unha das bases do seu programa de goberno será a mellora e ampliación dos servizos que oferta o concello, apostando pola xestión municipal directa como medida para mellorar a calidade dos servizos que presta a institución. Para as nacionalistas será prioritario a creación dun centro de día e dun xeriátrico públicos, así como a creación dun centro de orientación familiar e dun centro de información á muller no Convento das Donas do barrio da Condesa.
Sánchez concluíu expresando que “Betanzos debe volver a ser o que foi, a cabeceira visíbel da súa comarca, a vila de referencia do norte de Galiza. Porque o temos todo, só necesitamos ilusión, ganas e capacidade de traballo. E iso é o que o BNG representa: vontade de mellorar as cousas para que Betanzos obteña o que merece”.