"É imprescindíbel dar unha imaxe pública positiva dos Caneiros", propostas para recuperar a festa
"É prioritario abordar a situación da festa desde o punto de vista da concienciación, e non da criminalización da mocidade. Traballar no plano da igualdade de xénero, para evitar agresións machistas na propia festa, e da loita contra o consumo de drogas en institutos e outros colectivos xuvenís"
Betanzos, 14 de agosto de 2015. O xornal Betanzos e a súa comarca pediunos un artigo de opinión sobre as propostas que temos para recuperar a festa dos Caneiros- propostas que ían incluídas no programa con que nos presentamos ás eleccións municipais en maio. A continuación ofrecemos íntegro ese artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas. Boa lectura.
Fuxir do problema cambiando a festa de data non é a solución
A evolución dos Caneiros é a mesma que a de outras moitas festas tradicionais galegas: desbordada pola masificación atraída por unha imaxe deturpada da festa. Se nos Caneiros non se pode xantar sobre o propio campo é pola concentración de máis de cinco mil persoas nun espazo reducido, cos problemas de convivencia que iso xa de por si xera, aumentados pola visión errada da festa.
É prioritario abordar a situación da festa desde o punto de vista da concienciación, e non da criminalización da mocidade. Traballar no plano da igualdade de xénero, para evitar agresións machistas na propia festa, e da loita contra o consumo de drogas en institutos e outros colectivos xuvenís. Hai que deixar a un lado a percepción dos Caneiros como un problema social e centrarnos en difundir unha visión positiva da propia festa.
É imprescindíbel fomentar publicamente unha imaxe positiva da festa en lugar da imaxe deturpada coa conseguinte criminalización da mocidade
Hai que poñer en valor o río como centro da festa, con cousas como o concurso embarcacións decoradas e celebrar as verbenas nas Monxas, a Eira Vella ou a Ribeira.
Tamén é preciso aprezar e conservar o entorno natural en que se celebra: paralizar o paseo que ameaza destruír a ribeira virxe de San Xiao, eliminar especies invasoras, recuperar o bordo fluvial degradado e a biodiversidade
Hai que explicar todo isto no ensino, reforzándoo con programas ambientais coa participación da embarcación municipal. E os días dos Caneiros sacaríase a poxa a lancha municipal. Tal e como está é un luxo moi caro de manter e cos ingresos financiaríanse parte da festa e das actividades de concienciación.
Finalmente, é imprescindíbel fomentar publicamente unha imaxe positiva da festa en lugar da imaxe deturpada coa conseguinte criminalización da mocidade. Desde o BNG-Asembleas abertas pensamos que fuxir do problema cambiando a festa de data non é a solución.