O BNG demanda a reparación da fonte dos Ánxeles
O goberno local leva cinco anos respondendo que lle tocará un repaso xunto con outras fontes do concello, mais nunca dá chegado esa reparación e os danos van medrando co paso do tempo
Betanzos, 3 de agosto de 2016. O BNG denunciou no último pleno o estado de abandono da fonte dos Ánxeles e pediu ao goberno local a súa limpeza e acondicionamento.
O portavoz nacionalista, Henrique del Río, afirma que a fonte dos Ánxeles presenta un aspecto lamentábel, semicuberta pola maleza e convertida en vertedoiro de todo tipo de refugallos.
Con posterioridade á denuncia do BNG no pleno, boa parte da broza que cubría a fonte dos Ánxeles foi retirada. Con todo, as nacionalistas lembran que a fonte segue a estar abandonada. Celebramos que se retire a vexetación, pero a falta dun mínimo coidado incrementou as fugas da pía, estragando o pavimento da contorna.
Para Henrique del Río, o abandono da fonte estase a traducir no estrago completo dun recanto único que posto en valor podía aportar máis á nosa cidade.
As nacionalistas denuncian, ademais, que o executivo municipal leva cinco anos respondéndolles o mesmo cada vez que demandan a reparación da decana das fontes do municipio. Sempre din que lle tocará un repaso xunto con outras fontes do concello, mais nunca dá chegado esa reparación e os danos van medrando co paso do tempo, conclúen.