O BNG leva a Pleno a demora na contratación dos auxiliares de policía local
Ademais dos catro auxiliares de policía local sen contratar, o goberno local mantén sen cubrir as dúas vacantes do corpo. Isto supón que en pleno verán continúa habendo quendas dun único axente durante as noites
Betanzos, 29 de xullo de 2016. O BNG levou a Pleno o retraso que acumula o goberno local na contratación dos catro auxiliares de Policía Local para reforzar o cadro de persoal no verán, anunciado polo executivo do PSOE o pasado 21 de maio nun comunicado de prensa. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, recorda que o propio concelleiro de Persoal e Seguridade afirmaba nese comunicado que a idea é poder reforzar os servizos durante catro meses, os de maior afluencia de visitantes á cidade, coincidindo con citas como a Feira Franca Medieval ou o San Roque.
Desde o BNG explican que a convocatoria aínda tardou un mes desde este anuncio, publicándose no BOP do 28 de xuño. O 15 de xullo publicase na web o listado provisional de admitidos e excluídos relata o edil do BNG, que asegura que hoxe é 29 de xullo, 3 semanas despois da celebración da Feira Franca Medieval e en plena temporada estival e o concurso aínda non está resolto.
As nacionalistas pediron ao executivo local que aclare a que se debe este retraso na contratación do persoal de reforzo da policía local. Pensan que o contrato se efectuará polo menos antes dos Caneiros e do globo que son as datas de maior concentración de persoas na nosa cidade unha vez pasada xa a Feira Franca Medieval, pregunta con ironía Del Río.
Seguen sen cubrirse as dúas vacantes do corpo de Policía
Ademais das prazas de auxiliar de policía, o goberno local mantén aínda sen convocar o proceso de selección e promoción interna para cubrir as dúas vacantes no corpo de Policía Local. Isto supón que en pleno verán continúa habendo quendas dun único axente durante as noites, explica Henrique del Río.
Anunciar a oferta de emprego, anunciárona mil veces, mais estaría ben que a convoquen dunha vez porque o prexuízo de ter a policía local en cadro pagámolo as veciñas e os axentes lamenta o edil do BNG.