O BNG denuncia que o Concello asumirá un plan de estabilidade para pagar o electoralismo do PSOE

O BNG denuncia que o Concello asumirá un plan de estabilidade para pagar o electoralismo do PSOE

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

O plan económico do PSOE supón anular varias partidas, entre elas varias de fondos para subministro eléctrico. “Todos os modificativos do orzamento levan facturas de enerxía eléctrica, e segundo o concelleiro de Facenda as contas deste ano levaban a cantidade xusta para pagar polo subministro eléctrico, polo que anular agora partidas para a luz quere dicir que as facturas que entren e queden sen fondos terán que ir a outro modificativo”

Betanzos, 26 de xullo de 2016. O BNG amosou a súa sorpresa diante do plan económico-financeiro presentado polo goberno local para facer viábel o Concello de Betanzos a curto prazo logo de que os gastos na campaña de “ñapas electorais” da precampaña das municipais desequilibrasen a estabilidade do Concello. “Preocúpanos a situación porque o concelleiro de Facenda dixo sempre que a xestión económica era impecábel e agora o Ministerio de Facenda obriga a facer varios recortes e axustes para evitar a intervención”, explicou Henrique del Río.

O edil nacionalista recordou que o Concello pechou o ano con 454 000 euros en facturas de servizos contratados sen fondos. “Para pagalas fanse dúas modificacións ao orzamento recén aprobado, a segunda irá a pleno xunto co plan económico mañá mesmo” informou. “E todas son consecuencia dos rebacheos, pintados, flores e demais ‘ñapas electorais’ que constituíron a precampaña electoral do PSOE en maio do ano pasado”, abunda.

Desde o BNG cuestionan que o PSOE obrigue ao Concello a un plan económico “a causa do plan de ‘ñapas electorais’, unhas obras inútiles que estan completamente estragadas un ano despois, electoralistas e clientelares”. “O PSOE sabía moi ben que estas obras electoralistas sen fondos para afrontalas ían acabar nisto pero deulle exactamente igual”, lamentan.

“Obviamente cuestionamos que o PP e Rajoy decidiran que os concellos asuman a débeda privada e opoñémonos a que a asuman, mais neste caso é o resultado dunha política clientelar, electoralista e miope, se non directamente irresponsábel, por parte do PSOE”, explica Henrique del Río.

O plan económico do PSOE supón anular varias partidas, entre elas varias de fondos para subministro eléctrico e unha de investimentos. Ademais, proponse suprimir tamén os investimentos dun crédito coa Deputación solicitado para poñer ledes no alumeado público e usar os fondos para cubrir parte da débeda que o Concello ten.

Todos os modificativos do orzamento levan facturas de enerxía eléctrica, e segundo o concelleiro de Facenda as contas deste ano levaban a cantidade xusta para pagar polo subministro eléctrico”, explica Del Río. “Polo tanto, anular agora partidas para a luz quere dicir que as facturas que entren e queden sen fondos terán que ir a outro modificativo o ano que ven e a veciñanza pagaremos os xuros da demora”, engade. “É fuxir para diante por non querer facer as cousas ben e non asumir as responsabilidades dos propios actos”, conclúe.

 

CONSULTA AQUÍ O DOCUMENTO

 

O BNG denuncia que o Concello asumirá un plan de estabilidade para pagar o electoralismo do PSOE