Ante o fracaso da iniciativa privada, crear un instrumento público para rehabilitar o Casco Histórico
Non só é Casco Histórico o que está dentro da muralla: hai casco histórico na Ribeira, nas Monxas e na Cañota, na Ponte Vella, nos Remedios e na Condomiña. Houbo outros cascos históricos na Cruz Verde e nas Cascas hoxe practicamente desaparecidos. Todos son cascos ou barrios históricos e todos merecen atención.
O patrimonio ten que deixar de ser un problema, unha arma electoral, ou unha fonte de propaganda cada catro anos. É imposíbel poñer en valor algo que se percibe como un problema. Os nosos cascos históricos, restos do noso pasado, son unha oportunidade para Betanzos e para a súa veciñanza.
Os cascos históricos non son só patrimonio d@s propietari@s, son patrimonio de tod@s. É fundamental, polo tanto, buscar a complicidade de toda a veciñanza á hora de decidir que facer para poñer en valor os cascos históricos. A participación de tod@s é imprescindíbel. Non se poden seguir deseñando as políticas de costas ás persoas. Un acordo de tod@s é indispensábel para cambiar a situación na que se atopa o noso patrimonio.
A intervención pública faise necesaria, visto que a iniciativa privada fracasou. É prioritario crear un instrumento público que dea un pulo definitivo á rehabilitación.
Darlle vida ás zonas históricas: cun banco de locais comerciais, vivenda de promoción pública, proxectos de rehabilitación onde se integren colectivos sociais, un programa de aluguer social. Nas casas baleiras pode vivir xente.
Humanizar os barrios históricos: con espazos verdes e mobiliario de rúa, trasladando parte das feiras ás súas rúas e creando feiras específicas de produtos de temporada. Levar os organismos públicos ás zonas históricas e construír alí as novas infraestruturas que sexa posíbel.
Recuperar as rúas para as persoas: reducir o máximo posíbel o acceso de automóbiles ao Casco Histórico e regular o aparcamento dando prioridade ás persoas residentes.
Levar programación cultural ao Casco Histórico, ás rúas e prazas: recuperar música e contos na pedra.
Deseñar o futuro de Betanzos desde o noso pasado: divulgar a historia das nosas rúas, poñer en valor os gremios e oficios. Reformular o programa da Feira Franca para facer protagonista á historia de Betanzos. Non se pode querer o que se descoñece. Temos futuro desde a nosa historia, non de costas a ela.