Fóra coa ORA
Betanzos leva 13 anos coa zona azul da ORA. Desde o BNG criticamos este sistema desde o inicio por entender que supoñía privatizar a rúa para beneficiar as empresas privadas da ORA e do estacionamento soterrado do Campo.
Nos últimos anos- desde 2007- a empresa concesionaria non ingresou nin un peso das cantidades previstas no contrato como evidencian tanto a conta xeral como informes dos técnicos municipais. Se é que hai contrato a estas alturas, que é bastante dubidoso por ter vencido o prazo e estar prohibidas por lei as prórrogas tácitas. Tanto o anterior goberno do PP como o do PSOE sabíano, e ambos mantiveron esta situación de prexuízo para a veciñanza.
Se o Concello non percibe nada pola ORA e a recadación vai íntegra para unha empresa privada, o mellor será suprimir a ordenanza da ORA porque a situación do Concello non vai variar en nada. No último Pleno propuxemos suprimir a ORA e implantar un sistema gratuíto de rotación no estacionamento xestionado polo propio Concello. Aforrariamos pagarlle a unha empresa e evitariamos sangrar mais á veciñanza.
Entendemos ademais que a supresión da ORA vai ser beneficiosa para o pequeno comercio, xa que é evidente que mentres nas grandes superficies comerciais o aparcamento é gratuíto, para comprar en Betanzos hai que pagar e isto non axuda a que as persoas que viven na nosa área de influencia veñan facer as súas compras á nosa cidade.
PROPOÑEMOS CAMBIALA POR UN SISTEMA GRATUÍTO
Propoñemos implantar, en lugar da ORA, un sistema gratuíto de rotación do aparcamento. Hai que delimitar a zona, sinalizala debidamente e deixar claro tamén o horario de vixencia da regulación gratuíta do estacionamento por medio duns discos que se lle poden dar a todos os vehículos, tomando como referencia, por exemplo, o sistema implantado en Carballo.
Deste xeito, xunto co que lle paga cada persoa á ORA aforrariamos o que lle paga o Concello á concesionaria do aparcamento do Campo polos 20 minutos gratis, que é a proba de que a ORA non cumpre co seu cometido e que, polo tanto, é tirar cos cartos mantela.