AS NACIONALISTAS PIDEN RESOLVER O DEBATE ADIADO DA MOBILIDADE NO CASCO HISTÓRICO E AVANZAR CARA A PRIORIDADE PEONIL COMO TODOS OS CENTROS MONUMENTAIS VIVOS
Pedimos modificar as normas subsidiarias para construír a estación de autobuses
Propoñemos ubicala nos terreos de Riego, para que poida ter entrada por unha destas vías e saída pola outra, ubicaríase nun lugar que dista menos de 500 metros da praza do Campo e daría servizo ao centro e á zona escolar”
As nacionalistas piden resolver o debate adiado da mobilidade no Casco Histórico e avanzar cara a prioridade peonil como todos os centros monumentais vivos
Betanzos, 16 de decembro de 2019. O BNG propoñerá mañá no Pleno iniciar a revisión puntual das normas subsidiarias para construír unha estación de autobuses en Betanzos. “Cremos que é o momento de afrontar este debate, adiado durante anos” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Sobre todo tendo presente que o PXOM que se está a redactar non prevé este tipo de infraestrutura e semella abocarse ao modelo actual de mobilidade no noso concello, con todas as disfuncións que orixina”, engade.
“O debate sobre a necesidade e ubicación dunha estación de autobuses na nosa cidade é vello” recoñece o edil nacionalista. “Houbo un proxecto para construíla na Feira Nova e unha modificación das normas subsidiarias para emprazala entre a Estación Betanzos-Cidade, o Mendo e o parque, nun espazo que o urbanismo do PSOE reserva para un centro comercial nos sucesivos bosquexos do PXOM” recorda.
Propoñemos ubicala nos terreos de Riego, a menos de 500 metros do Campo e a carón das zonas escolar, deportiva, turística e comercial de Betanzos
A proposta das nacionalistas é ubicar a estación de autobuses emprazala entre as avenidas do Carregal e A Coruña, tras da Fábrica da luz. “Pode ter entrada por unha destas vías e saída pola outra, ubicaríase nun lugar que dista menos de 500 metros da praza do Campo e daría servizo ao centro e á zona escolar”, detallan desde o BNG as vantaxes desde emprazamento. “Colocando aquí este equipamento, ademais, garantimos que a ribeira do Mendo queda libre de edificios conservando o seu valor ambiental e situamos a estación próxima aos lugares de maior actividade, como os centros escolares, o Casco Histórico e a zona comercial e de servizos de Betanzos, próximo ademais á estación do tren para xenerar sinerxias entre ambos transportes públicos” abundan.
“O cometido da estación de autobuses non é sacar os autobuses do centro nin acoller centros comerciais e aparcamentos soterrados: debe ser dar o máximo beneficio para as usuarias do transporte público, polo que debe ser situada onde rinda o máximo beneficio á veciñanza, o comercio e as usuarias do transporte público”, reflexiona Del Río.
“Betanzos adoece dunha mínima organización no transporte público por estrada, do cal conflúen na nosa cidade varias liñas que paran, cada unha, nun lugar diferente. Isto, polo xeral, entorpece e obstaculiza o tránsito” explican desde o BNG. “Coa nova ordenación que permite a estación, e mais con políticas de fomento decidido do transporte público, estaremos mellorando a vida da veciñanza e, por descontado, contribuíndo a termos un ambiente máis saudábel”, abunda Del Río.
Resolver o debate adiado da mobilidade no Casco Histórico
As nacionalistas presentan ao pleno do vindeiro martes outra moción para poñer o ramo ao debate, permanentemente adiado, da mobilidade no Casco Histórico. “Todos os Cascos Históricos vivos, que funcionan, que son un barrio e non un museo, restrinxiron o tránsito para convertirse en lugares de convivencia”, explica Del Río.
“Actualmente está en vigor, con modificacións en canto a horarios, a ordenación do tráfico e aparcamento no Casco Histórico aprobada no ano 2007 durante o primeiro intento de regulación dos vehículos ao Casco Histórico, na época en que o BNG estaba encargado de xestionar as políticas do Casco Histórico”, recordan as nacionalistas. Mais tanto esta regulación como a ordenanza de tráfico, advirten, “pese a estar formalmente en vigor, estase incumprindo co consentemento dos diferentes gobernos locais desde aquela, tanto do PP como do PSOE, provocando na veciñanza unha situación de inseguridade sobre o que está ou non permitido”.
O BNG recorda o proxecto do parking express presentado polo goberno do PSOE, contestado no proceso de consulta pública veciñal cun amplo rexeitamento. “As persoas que participaron apostan maioritariamente por rexistrinxir o aparcamento e o acceso rodado ao Casco Histórico, como o BNG leva anos defendendo e como alí onde gobernamos demostramos que é un modelo positivo para a veciñanza e o comercio” abundan.
Por este motivo, demandarán do goberno local que defina a normativa de mobilidade no Casco Histórico, priorizando a mobilidade peonil, consonte ás conclusións dese proceso participativo e que convoque nun mes a comisión de tráfico para abordar e dictaminar a eventual revisión da normativa sobre mobilidade no Casco Histórico.