O BNG solicítalle ao Delegado do Goberno o traslado do cuartel da Guardia Civil
O voceiro do BNG indicoulle á alcaldesa que o actual momento de redacción do PXOM é o máis axeitado para plantear iniciativas deste calado, algo que o BNG fixo chegar á oficina redatora do PXOM cando tivo responsabilidades de goberno.
Betanzos, 21 de outubro de 2009. Aproveitando a xuntanza cos portavoces de todos os grupos da Corporación que mantivo esta mañá o Delegado do Goberno dentro dunha visita institucional á nosa cidade, o BNG fíxolle chegar o malestar da veciñanza ante as novas medidas de seguridade impostas no entorno do cuartel.
O voceiro do BNG, Xabier López, aproveitou para preguntarlle ao representante estatal se non se barallou a posibilidade de trasladar as instalacións a zonas do concello cunha menor concentración urbana. Esta medida, segundo os nacionalistas, permitiría a Betanzos contar con novas dependencias policiais, e deste xeito garantir a funcionalidade do edificio (dotándoo de instalacións máis modernas e ambiciosas das que hoxe se están a executar por vía de reforma).
Betanzos gañaría tamén coa plena disponibilidade veciñal dunha zona, hoxe por hoxe, e máis cando se desenvolva o Pasatempo, completamente integrada na malla urbana da cidade.
A este respecto, desde o BNG tamén se lle recordou á alcadesa que un momento coma o presente, de redacción do PXOM, é o momento máis indicado para abordar estas situacións e pór terreos a disposición do Estado. O voceiro nacionalista fixo estas aseveracións apelando a que se profundase nunhas iniciativas que xa se trataron coa oficina redactora do Plan no momento en que os nacionalistas tiveron responsabilidades de goberno.