Propomos rotular beirarrúas e escaleiras con versos para celebrar o Día das Letras Galegas
“É unha maneira diferente de celebrar as Letras, poñer en valor a nosa literatura e tamén, nestes tempos, dedicar uns segundos á poesía”
Betanzos, 13 de maio de 2020. O BNG propuxo ao goberno local unha campaña de dinamización do galego a nivel local. Consistiría en que nas rúas se pintasen poemas de diferentes autores galegos, entre eles Carvalho Calero, ao que se lle dedica o Día das Letras este ano.
“Debido á imposibilidade de organizar outras actividades culturais pola crise sanitaria pensamos que esta é unha boa opción para homenaxear aos nosos escritores e escritoras desde as nosas rúas”, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río. “Sería rotular uns versos, aproveitando as beirarrúas ou os chanzos de escaleiras en lugares públicos, algo cun custo moi reducido”, abundan desde o BNG.
“A pesar da crise sanitaria pensamos que é importante que o concello celebre unha data tan importante para a nosa literatura como é o Día das Letras” afirmou o portavoz nacionalista, “e que a veciñanza atope, nas súas saídas á rúa, as citas, para non confinar a nosa literatura, o noso idioma e a nosa cultura”. “É unha maneira diferente de celebrar as Letras, poñer en valor a nosa literatura e tamén, nestes tempos, dedicar uns segundos á poesía”, engade o voceiro do BNG.
Ampliar ao 2021 o ano dedicado a Carvalho Calero
Ademais o BNG propuxo que o concello reclame á Xunta de Galiza e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero.
Medidas de normalización da lingua desde as administracións
As nacionalistas pediron tamén que o concello reclame da Xunta que todos os membros do goberno galego respecten a lexislación vixente e empreguen a lingua galega en todas as súas manifestacións públicas, nomeadamente o seu Presidente. E que todos os membros da Corporación de Betanzos fagan un esforzo por normalizar o uso da nosa lingua.
Medidas de apoio ao sector cultural
“Pedimos que o concello inste á Xunta de Galiza a que adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do Libro en galego e que restitúa o orzamento recortado durante os últimos anos, incrementando as partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega e tamén as necesarias para implementar a Lei Paz Andrade”, concluíu Del Río.