O BNG-Asembleas Abertas potenciará o servizo de normalización lingüística
Modificaremos o regulamento da escola infantil municipal que aprobou o goberno local do PSOE hai uns meses para darlle cabida ao ensino da lingua nos primeiros anos do ensino
Betanzos, 17 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas apostou por poñer en valor a lingua propia e fomentar o seu uso e prestixio en todas as accións do Concello e en todos os ámbitos e sectores do municipio.
A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a nosa lingua, explicou o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. É responsabilidade de todos e de todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.
Desde o BNG-Asembleas abertas apostan por potenciar o servizo de normalización lingüística, dotandoo de recursos humanos e partida orzamentaria suficiente. Este servizo planificará, xestionará e executará as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais, engadiu del Río.
Apostamos tamén por modificar o regulamento da escola infantil municipal que aprobou o goberno local do PSOE hai uns meses para darlle cabida ao ensino da lingua nos primeiros anos do ensino e polo cumprimento das medidas aprobadas no Plan de normalización da lingua galega en todo o que afecta a administración local, explicou o candidato nacionalista.
A nosa lingua e patrimonio de todos e todas e desde o BNG-Asembleas abertas apostamos por fomentar o seu uso todos os días do ano e non só o 17 de maio, concluíu Del Río.
O candidato nacionalista participou con outros membros da candidatura do BNG-Asembleas abertas no maratón de lectura organizado pola libraría Biblos na praza de Santiago en Betanzos e resaltou a importancia destas iniciativas sociais para crear conciencia da importancia do uso da lingua en todos os ámbitos e do valor da creación cultural na lingua propia.