O BNG SEGUE DEFENDENDO A XESTIÓN DIRECTA
Votamos en contra de arquivar a sanción e devolver a garantía a anterior concesionaria do SAF
O goberno leva anos actuando a remolque das queixas das traballadoras e usuarios e sen tomar medidas firmes co que provocou situacións moi graves neste servizo que ademais é moi sensíbel polo perfil dos usuarios e usuarias, pedímoslle que abandone esta actitude e por fin actúe decididamente apoiando as demandas de traballadoras e usuarias
Betanzos, 26 de maio de 2020. O BNG anunciou que o seu voto contrario á proposta do goberno de arquivar á sanción á anterior empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e devolverlle a garantía. “O goberno local propón que apoiemos a súa decisión de devolverlle a garantía de 14 567,30€ á empresa Tu mayor amigo, anterior concesionaria do SAF. No BNG imos votar en contra desta proposta porque non é de recibo que a empresa que deixou sen atención aos usuarios deste servizo, que tivo e ten ás traballadoras sen cobrar e tivo un sen fin de denuncias e queixas por incumprimentos do contrato, agora reciba a garantía e marche do concello sen ningunha consecuencia económica. É un exemplo moi perigoso o que estariamos dando”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
“Non entendemos que motivos levan ao goberno a propoñer arquivar o expediente e devolverlle o aval, pero si que percibimos que a veciñanza non entende como se pode deixar abandonadas a persoas maiores e dependentes e que iso non teña ningunha consecuencia”, engadiu del Río. “O goberno leva anos actuando a remolque das queixas das traballadoras e usuarios e sen tomar medidas firmes co que provocou situacións moi graves neste servizo que ademais é moi sensíbel polo perfil dos usuarios e usuarias, pedímoslle que abandone esta actitude e por fin actúe decididamente apoiando as demandas de traballadoras e usuarias”, indicou.
O BNG segue defendendo a xestión directa
O portavoz nacionalista, Henrique del Río, lembrou que os nacionalistas defenderon durante anos en solitario que se recuperase a xestión directa polo concello do servizo do axuda no fogar, para facilitar aos veciños un servizo máis eficiente e de maior calidade. “Agora coa crise do coronavirus comprobamos de primeira man as consecuencias da privatización dos servizos sociais, como vimos na residencia e nas condicións de traballos do persoal do SAF. Seguimos pensando que a atención a maiores e dependentes non pode ser unha fonte de negocio e ingresos senón como un servizo público esencial”, concluíu.