Pedimos máis persoal para o centro de saúde do Carregal
“A negativa a cubrir as vacacións do persoal repercute directamente na calidade do servizo". "Non é xusto que teñamos peores servizos en vilas e concellos rurais que na cidade.”
“A negativa a cubrir as vacacións do persoal repercute directamente na calidade do servizo". "Non é xusto que teñamos peores servizos en vilas e concellos rurais que na cidade.”
Betanzos, 27 de xullo de 2017. O BNG levará novamente ao Pleno os problemas de falta de persoal do centro de saúde de Betanzos. “A xerencia de xestión integrada da Coruña ten a intención, polos correos que xa enviou, de non substituír a ningún medico de familia, nin a ningún pediatra durante as súas vacacións” relatou o voceiro municipal do BNG, Henrique del Río, tras trasladarlle o propio persoal estes problemas.
“Esta negativa a cubrir vacacións implicará que os pacientes dos sanitarios que estean de libranza serán derivados aos demais facultativos”, explica o edil. “Obviamente isto incide directamente na calidade asistencial do servizo que van recibir os pacientes, pola sobrecarga de traballo que van ter os médicos que quedan”, engade.
Estas directrices dos directivos do SERGAS volven afectar máis directamente ao servizo de pediatría. No centro de saúde de Betanzos actualmente hai dous pediatras, se ben unha delas ten redución de xornada. “A negativa do SERGAS a cubrir a parte da xornada que a facultativa non fai obriga á outra pediatra e aos médicos de familia a asumir a atención dos nenos que quedan sen pediatra”, explica Del Río.
"Neste caso concreto, ademais, repercute moi negativamente na calidade e prestación do servizo debido ao retraso que isto provoca nos controis de idade para as crianzas" explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, facéndose eco das queixas dos propios profesionais do centro de saúde.
"Non é unha situación puntual deste servizo, pois é a práctica habitual co servizo de matrona e, a dicir de profesionais e usuarias do centro de saúde que nos teñen feito chegar o seu malestar, dáse nas restantes consultas de maneira usual a causa do proceder do SERGAS, que no mellor dos casos cobre a media xornada estas baixas, substitucións, etc" engade Del Río. “Nin que poñerse enfermo entendera de vacacións ou pontes festivas para que o SERGAS actúe así”, ironiza.
As nacionalistas lembran que este feito non é puntual, senón que xa presentaron varias iniciativas neste sentido, tanto nos concellos da comarca como no Parlamento Galego para mellorar os servizos de pediatría e matrona. "Non é só este ano, isto motivou que presentaramos emendas aos orzamentos da Xunta desde o ano 2014 até o actual cando menos en demanda de máis fondos para máis persoal" lembra o edil do BNG, “ademais de varias mocións en termos similares a esta nos últimos anos”. “Acabamos de levar o asunto tamén ao Parlamento para demandarlle á Xunta un cambio e que garanta a atención sanitaria incluso no verán”, explica Del Río.
Insisten en que a situación afecta negativamente á calidade do servizo público de saúde na localidade e nas que dependen do centro de saúde do Carregal- Aranga, Coirós, Irixoa e Paderne. Explican desde o BNG que isto obriga a botar man dos servizos de urxencias á mínima, con desprazamentos á Coruña e o colapso das urxencias. "Non é xusto que teñamos peores servizos en vilas e concellos rurais que na cidade”, conclúe.