Insistimos no Pleno en habilitar unha zona de estacionamento para autocaravanas

quiqueplenoraias
O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun Pleno

“Unha cidade como a nosa, que pretende facer do turismo unha actividade económica, non pode seguir dando as costas a unha modalidade como o autocaravanismo, que cada día ten máis usuaria

Insistimos no Pleno en habilitar unha zona de estacionamento para autocaravanas

“Unha cidade como a nosa, que pretende facer do turismo unha actividade económica, non pode seguir dando as costas a unha modalidade como o autocaravanismo, que cada día ten máis usuarias”

Betanzos, 21 de xullo de 2017. O BNG insistiu novamente no Pleno na necesidade de habilitar un área de estacionamento para autocaravanas. “Polo que nos explicaron persoas que practican esta modalidade de turismo, por Betanzos pasa unha ruta de autocaravanas” asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que recorda que o BNG ven presentando esta proposta periodicamente ao Pleno desde hai unha década.

“En teoría a proposta sempre foi ben acollida polo goberno local, segundo as respostas recibidas, mais o certo é que pasa o tempo e non se realiza este modesto investimento que podería xenerar un importante retorno ao concello” indicou o edil do BNG. “Así que, polo de agora o noso municipio está renunciando a tirar proveito deste feito e semella que vai seguir sendo así a curto prazo”, lamentou o edil do BNG ao constatar que nos orzamentos municipais non hai ningunha partida para realizar este investimento. “O investimento para habilitar un área de estacionamento deste tipo é mínimo, apenas uns puntos de enganche de luz, unhas tomas de auga, unhas saídas á rede de saneamento, uns colectores de lixo e a correspondente sinalización”, explica.

“Unha cidade como a nosa, que pretende facer do turismo unha actividade económica, non pode seguir dando as costas a unha modalidade como o autocaravanismo, que cada día ten máis usuarias”, explica Del Río. “Xa presentamos varias veces, nas últimas lexislaturas, esta proposta e por motivos que aínda descoñecemos nin o goberno do PP nin o actual do PSOE a levaron adiante a pesar de apoiala”, explica o voceiro do BNG-Asembleas Abertas.

Segundo as nacionalistas, “con este tipo de iniciativas estariamos ampliando a oferta de infraestruturas turísticas da nosa cidade, atendendo mellor á diversidade que hai no goce do lecer dentro da sociedade”. “E ademais, indirectamente, a sinalización desta área de estacionamento nas guías de autocaravanismo daría indirectamente publicidade ao concello”, explica.

Por este motivo, desde o BNG demandaron ao goberno local que aclare se valoraron “os beneficios que podería achegar ou, pola contra, consideran que é un investimento que non paga a pena”. As nacionalistas pediron ao executivo municipal que aclare que cronograma manexa para facer realidade esta proposta “acollida sempre con boas palabras pero que nunca se concreta na realidade”. “Só co que se gasta en campañas propagandísticas por parte do goberno local podería facerse este investimento que redunda en mellores servizos e un incremento da actividade económica”, concluíu.

Insistimos no Pleno en habilitar unha zona de estacionamento para autocaravanas