Celebramos que o Pleno aprobase a moción para crear axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

O voceiro do BNG, Henrique del Río, co alcalde de Allariz, Francisco García, nunha visita ao Casco Histórico

As nacionalistas censuraron que desde 2012 non haxa ningunha liña de axudas para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

Celebramos que o Pleno aprobase a moción para crear axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

As nacionalistas censuraron que desde 2012 non haxa ningunha liña de axudas para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico

Betanzos, 1 de agosto de 2017. O BNG congratulouse de que o Pleno aprobase a súa iniciativa para abrir unha liña de axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico de Betanzos. “O Casco Histórico é o que dá identidade a Betanzos e o principal activo cultural, turístico e económico da cidade, polo que non entendemos a deixadez que o goberno local tivo até a data” explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas censuraron que desde 2012 non haxa ningunha liña de axudas para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico. Desde o BNG cuestionan que a negativa a actuar para atallar o proceso de degradación do Casco Histórico se ocultou en promesas e anuncios de “plans integrais, plans de rehabilitación e outros documentos análogos que, non mellor dos casos, serviron para rotular acordos plenarios que nunca se compren ou para contratar a unha empresa privada os estudos previos á revisión do Plan Especial do Casco Histórico”. “Adiouse calquera decisión, calquera actuación, a facer plans e documentos que non se fan, pero mentres agardamos por estes plans o Casco Histórico continúa o seu declive imparábel”, explican.

“No BNG temos moi claro cal é o modelo a seguir polo noso Casco Histórico, miramos para Allariz con envexa sa”, explica Del Río. “Temos un proxecto baseado na preferencia peonil, na rehabilitación e na dotación de novos servizos, na posta en valor do patrimonio e a dinamización económica do Casco Histórico e vimos presentando numerosas iniciativas nesta liña como mocións, suxestións a normativa municipal ou emendas aos orzamentos”, explica Del Río. “O goberno local, porén, ten unha errática política de mobilidade, carece dunha aposta decidida no valor do patrimonio como vector de desenvolvemento económico e asume como algo normal a carencia de servizos e dotacións comúns noutras partes da cidade chamando á xente á resignación”, lamenta. “Descoñecemos se o goberno local ten un proxecto para o Casco Histórico alén de procesións e Feiras Francas, mais temémonos que non cando evitaron debater sobre o Casco Histórico en campaña”, engade.

Por este motivo, desde o BNG optaron por demandar a creación dunha liña de axudas municipais específica para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico. “As axudas da Xunta para vivendas no Camiño Inglés non son aplicábeis ao Casco Histórico, polo que actualmente non hai ningunha axuda para quen queira rehabilitar a súa vivenda na zona monumental”, engaden.

Alegación aos orzamentos para habilitar fondos para estas axudas

“Presentamos unha alegación aos orzamentos para incluír 135 000 euros para estas axudas, sacándoos de gastos improdutivos como publicidade, propaganda e festas, pero PSOE, BN e BeC negáronse a investir nesta liña de axudas”, explican as nacionalistas. Por este motivo, demandaron novamente crear unha partida nos orzamentos municipais para este fin. “Pode ser neste ano cun modificativo ou pode ser nos do vindeiro ano, só falta que o goberno local cumpra as mocións que apoia no Pleno”, explica Del Río.

Ademais, instaron ao goberno local a actualizar a web da Oficina de Rehabilitación, que “está desfasada, remite a axudas que levan anos pechadas e remite a páxinas da Xunta que non teñen que ver co tema”, explica o edil do BNG. “É tal o desinterese que tivo o goberno local neste tema que até mantén a Oficina de Rehabilitación sen arquitecta, co cal non pode traballar e resulta pouco útil á veciñanza”, engade.
 

Celebramos que o Pleno aprobase a moción para crear axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico