O BNG pide que se amañen as deficiencias do centro de saúde
Pensamos que o investimento en saúde é básico e que chegamos a esta situación por culpa dos recortes, tanto en infraestruturas como en persoal que fan que a calidade do servizo se resinta
Betanzos, 13 de febreiro de 2015. O BNG levará ao Parlamento as queixas das persoas que acuden a diario ao centro de saúde de Betanzos. A veciñanza trasladounos as súas queixas sobre o estado no que se atopa o centro de saúde, nomeadamente das goteiras na entrada, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Segundo o voceiro nacionalista, as queixas recibidas pola formación frontista inclúen tamén o estado das fiestras do centro de saúde, cos vinilos que protexen os corredores do sol medio desprendidos. E xa foran un apaño no seu día porque o goberno do PP non pensara en que no Carregal cae o sol a plomo, recorda o edil do BNG.
Tamén hai queixas polo mantemento dun corredor exterior e mais unha beirarrúa exterior do edificio, ambos de madeira. Están cheos de limo e póñense esvaradizos en canto caen catro pingas, resumiu graficamente o nacionalista.
Son catro amaños mínimos, cun custo moi modesto, e mellorarían de xeito notábel a comodidade do centro de saúde, explica o nacionalista. Son amaños mínimos pero indispensábeis para manter en condicións un edificio dedicado a un servizo básico como é a saúde, engade. Pensamos que o investimento en saúde é básico e que chegamos a esta situación por culpa dos recortes, tanto en infraestruturas como en persoal que fan que a calidade do servizo se resinta abundou.
Regular un acceso para as persoas con dificultades de movemento
As queixas inciden tamén en que o centro de saúde conta con accesos que son moi complicados para persoas en cadeiras de rodas ou con carros de crianzas. Mesmo hai xente que trasladou as súas queixas á Xunta e anos despois segue sen ter resposta explicou Del Río. É certo que hai rampla de acceso á praza peonil de diante do ambulatorio, pero tal e como ten postas as portas unha persoa en cadeira de rodas ou unha persoa cun carro de bebé non pode abrilas e pasar ao centro de saúde, engadiu. Advirten que isto complícase os días de choiva xa que a porta, ademais, non conta cun aleiro para gorecerse mentres a xente entra ou sae do centro de saúde.
Ademais, tal e como está o estacionamento obrigas ás persoas con problemas de mobilidade a dar un rodeo para acceder á praza diante do centro de saúde pola rampla, abunda. Isto tería fácil solución se a Xunta fixese un acceso para coches á explanada para que as persoas con dificultades de movemento poidan quedar o máis cerca posíbel da porta de acceso e estacionar alí os seus vehículos explica. O que xa están a facer algúns usuarios pola vía dos feitos que sexa un dereito para as persoas que teñen máis dificultades para moverse, conclúe.