Lamentamos que o goberno local se negue a reabrir a radio garantindo o pluralismo
"Trátase dunha cuestión de ética democrática, de ofrecer unha información veraz á veciñanza, algo que o propio PSOE exixe cando fala da manipulación da CRTVG que en Betanzos, porén, se nega a aplicar"
Betanzos, 28 de novembro de 2018. O BNG lamentou que o goberno local votase en contra de regular os medios de comunicación de titularidade municipal para garantir a súa imparcialidade e pluralidade informativa. "Trátase dunha cuestión de ética democrática, de ofrecer unha información veraz á veciñanza, algo que o propio PSOE exixe cando fala da manipulación da CRTVG que en Betanzos, porén, se nega a aplicar", explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
As nacionalistas pedían na súa proposta que se garantise a independencia da emisora municipal e da web e redes sociais do Concello. "Pagámolos todas as veciñas, para que se nos informe veridicamente do que hai no Concello" explica o edil do BNG. "Unha cousa é informar e outra facer propaganda, unha cousa é difundir a programación oficial do Concello e outra moi distinta que estes medios que todas pagamos se usen para que o goberno local faga propaganda política ou mesmo ataque a outros grupos por disentir das súas propostas ou proxectos", puntualiza.
"Pedimos que os medios municipais dean a información completa e directa, sen interpretala nin extractala, para que calquera persoa poida vela e formarse o seu propio criterio", explica. "Se o PSOE quere dar o seu punto de vista é moi lícito que o faga, pero cos seus medios e recursos, non cos que pagamos todas as veciñas", abundan desde o BNG.
Neste sentido, as nacionalistas lamentan que "desde que o PSOE fixo a remuda na alcaldía e o lanzamento da súa campaña electoral o goberno local apagou o pouco que quedaba da radio municipal (os plenos) cunha excusa de moi mal pagador". O voceiro do BNG recorda que "Miño e Bergondo, sen ir máis lonxe, emiten en directo vía internet os seus Plenos, é só colocar unha cámara na Sala Capitular porque os traballadores da radio municipal xa asisten aos Plenos", explica suliñando que isto non supón pagar máis salario ou afrontar máis gastos. "Emitilos é unha cuestión de vontade política, de transparencia, no século de internet non hai máis impedimento para facelo que a decisión política do PSOE de deixar de facelo, desde que cambiamos de alcalde, para tratar de controlar absolutamente o que sae da Sala Capitular", abundan desde o BNG. "Dicir que se fan públicos porque se colgan aos dez días na web municipal, cando os asuntos xa están resesos e perderon actualidade, é rirse da xente", lamenta Del Río.
O BNG pedía onte que se volvese a emitir as sesións plenarias en directo e que se regulase a emisora municipal. "Nós levamos moitos anos defendendo que funcione como unha radio comunitaria para garantir a pluralidade social, cun consello que garanta a súa independencia, pero con independencia do modelo a seguir, temos varios acordos aprobados neste mandato para reabrir a emisora que o PSOE, malia votar a favor, non está disposto a cumprir", conclúe Del Río.