Din que ningunha sociedade democrática pode existir sen prensa libre, independente e plural. E dicía Bob Marley que a liberdade de expresión leva consigo certa liberdade para escoitar. É un mérito de Betanzos e a súa comarca, que ofreceu desde o número cero as súas paxinas para amosar o pluralismo da sociedade betanceira.
E é de louvar que unha asociación sexa quen manteña durante un cuarto de século un xornal centrado na información local, un espazo que a maioría das grandes corporacións da comunicación abandonan porque non é rendíbel economicamente. Dá unha idea da importancia da autoorganización, do asociacionismo de base á hora de construír unha sociedade realmente democrática. E da necesidade de termos información sobre a realidade máis achegada a nós. E facelo en galego, nun idioma desaparecido da maior parte dos xornais do noso país, dá proba tamén dun compromiso coa nosa identidade, ademais de contribuír a gañar mil primaveras máis para o galego.
Así que agardemos seguir a ver cada mes, na caixa do correo, o cabeceiro de “Betanzos e a súa comarca”. Por todos estes motivos e porque, se me permitides o egoísmo, o cabezallo seguirá a recordarme ao avó Andrés, un dos que hai 25 anos puxeron en marcha este proxecto.
Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca no mes de novembro de 2017, sobre os 25 anos do xornal.