O BNG recurre o acordo que inicia a privatización da radio municipal
PSOE, PP e CxB cambiaron de criterio con respecto á radio en función da súa comenencia, nós seguimos defendendo que ten que dar unha información de proximidade que non é rendíbel para as grandes empresas de comunicación.
Betanzos, 15 de marzo de 2013. O BNG recurriu o acordo polo que o Pleno, cos votos de PP e CxB, comeza o proceso de privatización da emisora municipal. No seu recurso, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, asegura que resulta evidente que se incumpre o ordenamento de réxime local e que o alcalde consentiu na vulneración dos dereitos que este ordenamento dá aos membros da Corporación.
Os nacionalistas recordan que pediron que o asunto ficase sen votar para que se achegasen informes sobre a legalidade da proposta de privatizar a radio, feita por CxB e apoiada polo PP. Del Río asegura que o ordenamento xurídico é moi claro a respecto da solicitude de informe por parte dos grupos políticos durante o debate plenario. Recorda que, coa lei na man, calquera concelleiro poderá pedir a retirada dalgún expediente incluído na orde de día, para que se incorporen informes e mesmo pedir que a discusión dun asunto quede para a seguinte sesión.
Os nacionalistas, que fixeron esta solicitude durante o debate da proposta de privatización da radio local, aseguran que a solicitude de informe e adiar o debate tiña que ser votada. A lexislación prevé que isto se faga tras rematar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto.
O alcalde consinte para bailarlle as augas a CxB
Os nacionalistas acusaron ao alcalde de permitir esta irregularidade para seguir bailándolle as augas a CxB. O voceiro do PSOE no Pleno tachou a proposta de privatizar a radio de ilegal, e a pesar deso impediron que pediramos máis informes para despexar calquera dúbida ao respecto, recordou o edil do BNG.
O PSOE renuncia ao seu programa, aos seus compromisos coa veciñanza con tal de seguir tendo do seu lado o voto do único edil de CxB, lamentou Del Río. Iso precisamente é o que dá mala imaxe á política, facer calquera cousa con tal de seguir na cadeira, reprocha. Alá eles cos seus representados, pero nós non imos renunciar aos dereitos que a Lei dá á veciñanza, asegurou.
O BNG ficou só defendendo a emisora como un servizo público
Comprometímonos a que a radio municipal fose plural e estivese ao alcance de toda a veciñanza e imos facer todo o posíbel por que así sexa, afirmou o voceiro do BNG. PSOE, PP e CxB cambiaron de criterio con respecto á radio en función da súa comenencia, nós seguimos defendendo que ten que dar unha información de proximidade que non é rendíbel para as grandes empresas de comunicación, indicou. O BNG foi o único grupo que votou en contra de privatizar a radio municipal, concluíu.