O BNG queda só contra a privatizacón de Radio Betanzos
"CxB entrou no Concello prometendo poñer a emisora municipal ao servizo da mocidade e reclamando debates públicos na radio, loubando o seu cometido de servizo público. Mais en canto tiveron oportunidade de gobernar, desde a concellaría de comunicación que crearon, pecharon a emisora".
Betanzos, 7 de marzo de 2013. O voceiro do BNG, Henrique del Río, publica un artigo contra a privatización da emisora municipal no último número do xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE-CCA. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.
Os medios públicos xa non son necesarios?
Os medios de comunicación públicos son un servizo de interese xeral. Teñen como misión difundir contidos que garantan a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, os dereitos cívicos e as liberdades públicas. Polo tanto, son indispensábeis para garantir a calidade da democracia.
Non son simples mercadorías destinadas ao consumo, que poidan ficar só a criterio da regulación do mercado e dos intereses privados. Transmiten unha chea de valores e contribúen a construír un xeito de ver o mundo e a xerar estados de opinión. Por todo isto requiren dun control democrático, exercido pola veciñanza, que debe establecer os criterios para orientar eses contidos e vixiar o seu cumprimento.
Radio Betanzos naceu como emisora municipal, mais careceu desde o seu inicio destes criterios de funcionamento. O uso partidista e tendencioso que o goberno do PSOE fixo dela, excluíndo dos seus contidos calquera crítica ao goberno local e privando aos restantes grupos políticos da posibilidade de opinar e participar do control democrático do medio, fixo que a veciñanza pronto a alcumase Radio Lagares. O PP continuou durante unha parte do seu goberno cos mesmos vicios, calcando o partidismo e propaganda que criticara antes no PSOE. É dicir, o que ven sendo costume, o que se critica na oposición vale no goberno e ao revés.
Radio Betanzos padeceu sempre un uso partidista e tendencioso, primeiro polo PSOE e logo polo PP. Despois pechárona
CxB entrou no Concello prometendo poñer a emisora municipal ao servizo da mocidade e reclamando debates públicos na radio, loubando o seu cometido de servizo público. Mesmo venderon como un avanzo na transparencia a retransmisión dos Plenos en directo. O certo é que a transparencia nunha administración é algo máis ca iso, é o acceso á documentación e ás contratacións, a participación na toma de decisións ou a rendición pública de contas.
Mais en canto tiveron oportunidade de gobernar, desde a concellaría de comunicación que crearon, pecharon a emisora. Un tempo despois, xa neste mandato, apoiaron o orzamento do PSOE, que trasladaba de forma ilegal aos traballadores da radio a outros cometidos totalmente diferentes. Agora, culminando a virada da chaqueta, CxB propón ceder a emisora a algunha empresa de comunicación para sacarlle beneficios. Falemos ás claras: queren privatizar a radio. Tal vez por seguir o catecismo neoliberal e poder mocear mellor co PP, tal vez para seguir na súa teima de facer un ERE no Concello ou acaso porque xa non lles interesa que a veciñanza poida escoitar o que se coce nos Plenos.
A radio pública municipal é útil e necesaria. Debera cubrir un espazo de información local e comarcal que non interesa, porque non resultar rendíbel, aos grandes grupos de comunicación
Sobra dicir que o PP está completamente de acordo con calquera privatización, como non podía ser doutra maneira. Ademais, como non lle faltan medios amigos mercados con subvencións de cartos públicos para cantar as bondades dos recortes e a súa austeridade selectiva, para que un medio de comunicación público?
No BNG pensamos que a radio pública municipal é útil e necesaria. Que debera cubrir un espazo de información local e comarcal que non interesa, porque non resultar rendíbel, aos grandes grupos de comunicación. Que se debería dinamizar e darlle cabida ás asociacións para a súa programación cultura e veciñal, a equipos deportivos locais a grupos musicais afeccionados á sociedade en si. Porque o problema non é o medio senón o uso que se ven facendo dese medio. E porque, como dicía hai pouco Rafael Correa, temos que lograr unha sociedade onde mande o pobo e non quen tivo cartos para comprarse unha imprenta.